Feijóo propón cinco leis galegas anticorrupción e de transparencia e pide "achegas" da oposición

Alberto Núñez Feijóo en el Parlamento
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 27 enero 2015 12:17

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Ene. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este martes no Parlamento a súa intención de impulsar cinco leis galegas anticorrupción e a favor da transparencia que incluirán 50 medidas e estarán listas para a súa tramitación parlamentaria en 50 días. Para a súa aprobación, asegurou que desexaría contar co respaldo e as "achegas" da oposición.

Na súa comparecencia no Pazo do Hórreo, Feijóo advertiu de que "non hai sigla que inmunice" contra os comportamentos corruptos e sinalou que, aínda que "a maior parte" dos políticos están á marxe, "a todos" os partidos corresponderíalles "facer exame de conciencia e pedir desculpas por non estar á altura das circunstancias".

E é que para o presidente, quen defendeu a vixencia da "democracia representativa" con "melloras", non abonda con que as forzas políticas opten pola división, por censurar "comportamentos ilexítimos" ou con combater demagoxia "con máis demagoxia". "Ou todos tratan de restaurar a confianza cidadá ou todos seguirán sufrindo o mal de que paguen xustos por pecadores", advertiu.

Así, buscou o respaldo da oposición para cinco normas que suman cincuenta medidas: unha nova Lei de Transparencia e Bo Goberno (sometida a un foro previo de participación cidadá), a Lei de Asistencia Xurídica do sector público autonómico, unha nova Lei do Consello de contas; unha nova Lei de Financiamento dos Partidos Políticos no ámbito autonómico e unha Lei de Participación Cidadá no Parlamento.

Algunhas das medidas que recollen estes textos xa foran formuladas polo presidente no último Debate sobre o Estado da Autonomía ou na súa reunión co líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro pero tamén inclúe novidades. Por exemplo, a nova Lei de Asistencia Xurídica do sector público autonómica "concretará legalmente" os requisitos para recibir asistencia letrada da administración por parte de calquera empregado ou autoridade pública.

Segundo Feijóo, con esta norma garantirase que "ningunha persoa culpable do delito do que se lle acusa" vexa a súa defensa "pagada con diñeiro dos contribuíntes". Precisamente, a autorización do pagamento da defensa a un edil imputado na 'Operación Pokémon' en Santiago foi a detonante da maior crise que viviu o PP no ámbito local neste mandato, xa que unha denuncia a raíz deste paso acabou coa inhabilitación doutros sete concelleiros e o relevo na Alcaldía.

En canto á nova lei de financiamento de partidos, Feijóo tamén manifestou o seu interese en axilizala. De feito, deu por feito que se remitirá á Cámara ao longo do novo período de sesións, antes de xuño. Ratificou que xa requiriu ao Consultivo que redacte un anteproxecto de lei neste sentido e que espera recibilo "nos próximos días".