Feijóo ve "incontestable" o cambio climático e censura os "bulos sen fundamento"

Feijóo na presentación da estratexia contra o cambio climático
EP/XUNTA
Actualizado: viernes, 23 junio 2017 13:21

Apela a que esta loita sexa "un xeito de vivir" e rexeita un "ecoloxismo ilustrado" que deixe ao pobo "a mercé de demagogos e pseudocientíficos"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Jun. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou este venres que o cambio climático é "un feito incontestable", baseado en "verdades científicas incontrovertidas", e marcouse como horizonte de traballo que o 100% da electricidade consumida en Galicia proceda de fontes renovables.

Díxoo na presentación da Estratexia galega de cambio climático e transición enerxética 2050, na que tamén defendeu a necesidade de reducir paulatinamente a dependencia dos combustibles fósiles para que nese ano o noso modelo produtivo estea "practicamente libre" de emisións de gases de efecto invernadoiro.

No camiño para lograr ambos os dous obxectivos, como recalcou Feijóo, Galicia leva anos dando pasos grazas á "vontade" social, ao "compromiso" das empresas e aos "investimentos" da administración.

Ata o punto de que, proseguiu, é a terceira comunidade que máis reduciu as súas emisións desde 1990 e as renovables supoñen xa o 52,6 por cento da electricidade que se xera. Ademais, o consumo de enerxía primaria con renovables, segundo apuntou, alcanza o 20,7 por cento, por encima do obxectivo marcado para España no horizonte de 2020.

Por tanto, desde o convencemento de que loitar contra o cambio climático deixou de ser "unha opción" para converterse "nunha obriga", o máximo mandatario autonómico salientou en presenza de numerosos expertos na materia que Galicia está a dar pasos neste sentido e seguirá facéndoo.

"A TERRA CHÁMANOS"

"Unímonos a todos os pobos do mundo que queren seguir cambiando para seguir avanzando. A terra chámanos e temos que responder", salientou Feijóo, para quen esta xornada de traballo é "o punto inicial do cambio".

É por iso que prometeu que o seu goberno "fará seu" o documento que saia das distintas mesas de traballo, para facer fronte a "unha ameaza que non coñece fronteiras".

Partidario de actuar en "mitigación, adaptación, formación e sensibilización", o que rexeitou é un "ecoloxismo ilustrado" que non conte coa "implicación" do pobo e, por tanto, deixe a este "a mercé de demagogos, pseudocientíficos e localistas" que ven na loita contra o cambio climático "unha rémora para o crecemento" ou "unha desvantaxe fronte a outros territorios".

Así é que apelou a converter esa loita "nunha forma de vivir", tomando como referencia as palabras de Barack Obama sobre que esta é a primeira xeración que percibe as consecuencias do cambio climático e a última que pode facer algo para combatelo.

"Non podemos lavarnos as mans", advertiu o xefe do Executivo galego, sen deixar de facer fincapé en que o cambio climático "non é ciencia ficción nin unha mera hipótese".

"BULOS CARENTES DE FUNDAMENTO"

Fronte a "bulos carentes de todo fundamento" que desde o "interese mezquino" ou a "ignorancia atrevida" tratan de pór en dúbida o cambio climático, o presidente recorreu o "vínculo íntimo" dos galegos coa súa terra para "seguir coidando o patrimonio".

E é que o quecemento global, lembrou, afecta ao noso mar, e con iso á pesca e o marisqueo; ao noso viño, o noso leite, a nosa masa forestal; e tamén ao "activo incalculable" que supón o noso medio ambiente.

De feito, coa vista posta no futuro, sinalou que "a diferenza entre países" residirá nas súas "condicións ambientais".

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, advertiu de que o mundo se atopa hoxe "nunha encrucillada histórica" na que "é preciso actuar" fronte a unha "ameaza" que non é "futurista", senón actual.

"Por un mañá mellor, por un 'Fogar de Breogán' eterno", proclamou, e fixo votos por que Galicia siga sendo "tan verde e tan azul" como a terra á que "cantaron os poetas". "Temos a obrigación de coidala", finalizou.