O Fiscal Superior de Galicia cre que o xuízo do Prestige podería iniciarse este ano se se "apura" a instrución

Carlos Varela, Fiscal Superior De Galicia, TSXG
EUROPA PRESS
Actualizado: domingo, 1 mayo 2011 18:32

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 May. (EUROPA PRESS) -

O Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, mostrouse este domingo esperanzado sobre o feito de que o xuízo do Prestige poida ter finalmente lugar este ano, a condición de "apurar" a actual fase de instrución.

Así o afirmou nunha entrevista concedida a Radio Nacional de España e recollida por Europa Press na que explicou que, polo momento, o xuízo está á espera que de conclúa a fase de instrución. "Se apuramos este último requisito procesual, podemos encarar co fin de ano o xuízo", sinalou.

En particular, Varela explicou que as demoras actuais no peche da instrución para iniciar o xuízo oral se deben á necesidade de traducir ao grego todos os escritos de acusación, un procedimento que se está a levar a cabo neste momento. "Esperemos que esta fase remate o máis pronto posible para encarar un xuízo oral, se puidese ser este ano", indicou o fiscal.

Por outra banda, Carlos Varela tamén se referiu á prisión provisional para o acusado da desaparición de María José Arcos, unha medida á que se opuxo a Fiscalía. Así, Varela recordou que este órgano "á hora de solicitar unha medida preventiva, ten que ver os elementos inculpatorios" e, en concreto, afirmou que, neste caso "se aparecesen indicios claros distintos aos que actualmente existen na causa, a posición da fiscalía cambiaría".

Noutra orde de cousas, Carlos Varela apuntou certa judicialización da vida política, "sobre todo en épocas preelectorais" nas que "se"presentan máis denuncias. "Preséntanse ante os tribunais temas que son moitas veces asuntos de índole político", indicou o Fiscal, ao tempo que garantiu que "o que non se politiza é a xustiza".