Galicia traslada a necesidade de elaborar un informe sobre o rol do Comité das Rexións na Unión Europea

Jesús Gamallo modera el debate del Comité de las Regiones
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 23 septiembre 2014 17:35

Os membros da asemblea avogan por reforzar os seus poderes políticos e incrementar o impacto dos seus ditames nas políticas comúns

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Sep. (EUROPA PRESS) -

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, trasladou a necesidade de elaborar un informe sobre o rol do Comité das Rexións (CdR) na "armazón institucional da Unión Europea".

En concreto, Galicia moderou varios debates nunha reunión que se celebrou este martes en Brindisi (Italia), acción enmarcada na revisión de todos os planos institucionais como reacción ante a "desafección" co proxecto europeo que "evidencian os resultados das eleccións de maio", segundo informou a Xunta.

Os membros do Civex, comisión competente en asuntos institucionais do Comité das Rexións, avogaron por reforzar os seus poderes políticos e consultivos, e incrementar o impacto dos seus ditames na elaboración das políticas comunitarias.

Así, Gamallo insistiu nas ideas do anterior presidente, Ramón Luis Valcárcel, de dar "un maior protagonismo" ás cidades e rexións en cohesión económica, social e territorial.

ACHEGAMENTO Á CIDADANÍA

Ademais, nesta reunión debateuse a primeira versión dun documento de iniciativa que fai referencia á estratexia de comunicación institucional da UE e o "urxente" achegamento á cidadanía.

Por outra banda, a comisión discutiu a implantación dun proxecto de ditame sobre a Política Europea de Veciñanza, cuestión que considerou de "indiscutible vixencia" despois dos acontecementos en Ucraína e Oriente Próximo.

Así mesmo, o Civex propuxo un primeiro achegamento ao papel que teñen que desenvolver os entes locais e rexionais na protección do Estado de Dereito e os dereitos fundamentais.

Ás conversacións estiveron invitados os europarlamentarios italianos; representantes da Comisión Europea; a ministra de Asuntos Rexionais de Italia, María Carmela Lazetta; e o ministro do Interior grego, Dimitrios Kalogeropoulos.