A Garda Civil busca os asaltantes da casa rectoral de Padrón (A Coruña), que fuxiron no coche do párroco

Actualizado: lunes, 15 septiembre 2014 12:26

A sacerdote recbiu a alta hospitalaria tras resultar ferido no terceiro asalto á casa rectoral nos últimos anos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Sep. (EUROPA PRESS) -

A Garda Civil busca os asaltantes da casa rectoral da localidade coruñesa de Padrón, tras o suceso rexistrado na noite do domingo no que resultou ferido o cura e falecida a súa asistenta. Os ladróns fuxiron no coche do párroco.

Segundo informaron a Europa Press fontes da investigación, os feitos sucederon sobre as 21,00 horas do domingo na casa rectoral situada na parroquia de Cruces, en Padrón.

Foi o propio párroco o que chamou ás emerxencias tras ser amordazados a súa asistenta e el por varias persoas, tres, segundo as manifestacións do cura.

A casa rectoral estaba toda "revolvida" cando chegaron as forzas de seguridade, segundo apuntaron as mesmas fontes, que indicaron o "roubo" como móbil do suceso.

Efectivos da Policía Xudicial acudiron á casa rectoral para recoller probas e esclarecer o sucedido. Supostamente os asaltantes fuxiron no coche do párroco, un vehículo azul da marca Opel.

DE ALTA

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, manifestou a Europa Press que "don Ramón --o cura-- está ben e non se temía pola súa vida". De feito, fontes sanitarias, confirmaron que o paciente, duns 78 anos de idade, recibiu este luns a alta hospitalaria.

O rexedor, pola súa banda, lamentou o "triste falecemento" de María, a asistenta do párroco, de 80 anos e veciña da localidade. Ao respecto, sinalou que se está á espera do informe da autopsia para coñecer as causas exactas da morte da muller.

O Concello de Padrón lamentou "que aconteza isto". "Sempre hai pequenos asaltos pero nunca desta envergadura", sinalou o alcalde, que confirmou que se trata da "terceira ocasión" en que asaltan a casa rectoral "nos últimos anos".