O Goberno autoriza o contrato para construír un buque da Armada en Navantia Ferrol por 166 millóns

Actualizado: viernes, 1 agosto 2014 19:18

SANTIAGO/MADRID, 1 Ago. (EUROPA PRESS) -

O Consello de Ministros autorizou este venres a celebración do contrato de orde de execución para a construción de dous novos buques de acción marítima (BAM) para a Armada por un custo de máis de 333 millóns de euros. En concreto, o contrato asínase mediante 'orde de execución' ao amparo do convenio entre o Ministerio de Defensa e a empresa pública Navantia.

Tal e como xa se adiantou a pasada primavera, os buques fabricaranse entre este ano e 2019. Así, cada un construirase nos estaleiros que a compañía ten en Cádiz e Ferrol, cun custo de 166 millóns de euros cada un, sumando un total de 333 millóns.

Os BAM proporcionan a capacidade de protección dos intereses nacionais no ámbito marítimo. Poden ser empregados en escenarios de baixa intensidade, sen necesidade de empregar unidades de maior porte como as fragatas. Unha vez recepcionados todos os BAM que estaban en construción, decidiuse aumentar a serie en dous buques máis debido ás necesidades operativas da Armada.

De feito, o presidente de SEPI, Ramón Aguirre, xa anunciara o pasado 7 de maio, xunto co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, que Navantia ía construír dous Buques de Acción Marítima (BAM) para a Armada Española, segundo o encargo realizado polo Ministerio de Defensa.