Gonzalo Caballero cre que Feijóo non se vai a Madrid porque se ve "sen opcións" nun PP "en senda de declive"

Publicado: lunes, 18 junio 2018 21:23

"Non está lexitimado para pór en marcha o proceso de rexeneración que necesita o PP", afirma o líder do PSdeG

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Jun. (EUROPA PRESS) -

O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, cre que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non se vai a Madrid porque se ve "sen opcións" nun Partido Popular que "está nunha senda de declive" e "en franco retroceso electoral".

Nun comunicado, o secretario xeral do PSdeG apunta que Feijóo "non está lexitimado para pór en marcha o proceso de rexeneración que necesita o PP" logo da sentenza do caso Gürtel, que comeza co popular galego Pablo Crespo e da que o titular do Executivo autonómico "impide falar no Parlamento".

Nesta liña, Caballero afirmou que o Partido Popular está "sen opcións de recuperar o Goberno de España e coa probabilidade dun cambio de ciclo político en Galicia" porque "o seu proxecto político está esgotado".

Por iso, instou ao presidente da Xunta a "centrarse nos problemas de Galicia" e a "dar solucións" para unha sociedade que "necesita un cambio".

"Que poña a cabeza no país", esixiu Gonzalo Caballero, quen acusa a Feijóo de deixar nun "segundo plano" as dificultades que vive Galicia durante a "telenovela" que protagonizou nos últimos tempos.

Entre estes problemas, o socialista identifica a crise demográfica, a debilidade do modelo económico e que Feijóo "multiplicou por tres" o endebedamento público a pesar dos recortes en servizos públicos.

Todo iso, despois de que o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, descartase este luns optar á Presidencia do PP nacional nun acto no que avanzou que o seu propósito é esgotar até 2020 o seu mandato á fronte da Xunta.