Hernández cre que a edil Reis Leis cometeu "un erro" ao pedir que lle retirasen unha denuncia e rexeita "xustificalo"

Agustín Hernández habla sobre la investigación a Reyes Leis
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 24 octubre 2014 14:22

Sinala que "todos podemos cometer erros" aínda que apostila: "Eu non faría iso"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Oct. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, afirmou este venres que a edil Reis Leis cometeu "un erro" ao pedir ao exconcelleiro de Tráfico, Albino Vázquez, a retirada dunha denuncia de aparcamento e asegurou que non será el "quen o xustifique".

En declaracións aos medios, o rexedor compostelano sinalou que "non tiña ningunha información" sobre o caso ata esta mañá e que xa falou coa concelleira, quen lle explicou os feitos e admitiu que se tratou dun "erro".

A investigación parte das escoitas da Operación Pokémon, nas que a xuíza Pilar de Lara detectou unha mensaxe enviado supostamente pola concelleira Reyes Leis ao daquela concelleiro de tráfico --que presentou a súa dimisión tras ser imputado, con medidas preventivas, nesta operación-- solicitándolle que retirase unha denuncia de estacionamento. A maxistrada enviou unha providencia aos xulgados de Santiago para que estes investiguen a posible comisión dun delito de tráfico de influencias.

Segundo trasladou Reis Leis ao alcalde este venres, os feitos sucederon nunha xornada na que a edil acudiu co seu vehículo particular, en lugar do coche oficial, a un acto en Santiago e a causa da "présa" coa que ía, esqueceu poñer o ticket da ORA. Como consecuencia, recibiu unha denuncia de Tráfico e se puxo en contacto con Albino Vázquez para saber se se podía facer algo para evitala.

"Non teño dúbida de que é un erro, e non serei eu que o xustifique, pero os feitos son así", explicou Agustín Hernández, que está a solicitar toda a información sobre o caso mentres espera a saber "o que decide" o xulgado.

"Ela mesma tamén considera que foi un erro e todos podemos cometer erros nesta vida, eu tamén", sinalou o rexedor compostelano quen, non obstante, apostilou: "Eu non faría iso".

SEN FACER DECLARACIÓNS

Reis Leis saíu do Concello de Santiago na mañá deste venres visiblemente afectada polo caso e rexeitou facer declaracións ao respecto, pedindo "respecto".

A edil encargada de Turismo no actual goberno local é a única integrante do equipo orixinal que gañou as eleccións municipais en 2011 --dirixido por Gerardo Conde Roa-- que non foi imputada en ningún dos casos que nos últimos tres anos salpicaron á corporación compostelana e que se saldaron cunha remodelación completa de concelleiros --só permanecen dous do equipo orixinal-- e tres alcaldes.