Identificadas 52 persoas e comisados 200 quilos de ameixas nun operativo contra o furtivismo en Ferrol

Actualizado: jueves, 23 octubre 2014 18:28

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Oct. (EUROPA PRESS) -

Axentes do Servizo de Gardacostas, en colaboración con axentes da Policía Autonómica realizaron este xoves na ría de Ferrol un operativo contra o furtivismo que se saldou coa identificación de 52 persoas e o comiso de máis de 200 quilos de ameixa babosa e fina.

En concreto, das 52 persoas identificadas na operación, que se desenvolveu nas zonas da Barca e O Couto, os axentes levantaron acta de infracción a 25 persoas que faenaban de forma ilegal.

Ademais, no operativo inspeccionáronse oito vehículos e incautáronse, ademais das ameixas, de 28 bolsas de rede, 17 caldeiros, 16 aixadas, nove anciños e sete lanternas frontais.

A Consellería do Medio Rural e do Mar recordou á cidadanía que o consumo de marisco extraido e comercializado de forma ilegal pode supoñer un risco para a saúde, ao non pasar ningún tipo de control.