Máis de 300 actuacións en máis de 90 concellos galegos

Actualizado: martes, 31 marzo 2015 15:15

A programación abarca dende funcións teatrais e de narración oral, ata espectáculos de maxia, danza, novo circo e concertos

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Mar. (EUROPA PRESS) -

   O ciclo 'Cultura no Camiño' regresa este ano para levar máis de 300 actuacións musicais e escénicas a máis de 90 concellos de toda a xeografía galega, dende o próximo 15 de abril e ata o 30 de setembro.

   En total serán 316 actuacións protagonizadas por 138 formacións artísticas galegas como Talía Teatro, Teatro do Atlántico, Xoel ou Roi Casal e que compoñen un circuíto de espectáculos orquestrado no marco do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

   O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, destacou na rolda de prensa de presentación do programa que con esta terceira edición se conseguiu "un reequilibrio territorial" da oferta cultural, que abrangue dende funcións teatrais e de narración oral, ata espectáculos de maxia, danza, novo circo e concertos

   A provincia da Coruña acollerá 111 actuacións en 34 municipios, en Lugo 21 localidades ofrecerán 70 espectáculos, en Ourense uns 15 acollerán ata 60 funcións e en Pontevedra uns 23 concellos levarán a cabo ata 75 espectáculos.

   Ademais, das máis de 300 actividades culturais unhas 138 serán representacións de teatro e danza, 80 actuacións musicais, 55 de maxia e ata 43 de novo circo.

   Sutil valorou o traballo "non solo da administración ou da empresa privada", grazas á colaboración de Gadis, senón tamén o realizado dos artistas e distribuidoras para sacar adiante esta programación en todos os cantos de Galicia.

   Deste modo, "aumentouse a oferta" incrementando en 12 o número de concellos participantes con respecto á pasada edición e logrando "un reequilibrio territorial da oferta cultural", ademais de engadir "máis riqueza" a ese "grande activo" que é o Camiño de Santiago.

"UN GRANDE ATRACTIVO"

   A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou, sobre todo, o valor que ten esta programación para ofrecer "un grande atractivo adicional" á gastronomía das localidades, ao patrimonio e aos elementos paisaxísticos.

   Por iso, valorou que se trata dun "programa ambicioso" e "un referente cultural" que poderá satisfacer os intereses tanto dos visitantes coma aos veciños das distintas localidades, ademais de ofrecer espectáculos "destinados ao público infantil" en distintas modalidades.

   Castro insistiu, ademais, en que estes espectáculos permitirán ademais unha "descentralización" do turismo e ofrecer contido aos visitantes do Camiño de Santiago xa a partir da Semana Santa, e ata finais de setembro.