A Illa de Sálvora recibiu case 9.500 visitantes ata xullo, un 56% máis que en 2016

Os conselleiros visitan Sálvora
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 22 agosto 2017 16:29

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Ago. (EUROPA PRESS) -

   A Illa de Sálvora recibiu desde xaneiro ata o pasado mes de xullo a 9.469 visitantes, un 55,8% máis con respecto ao mesmo período de 2016, segundo os datos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

   Deste xeito, este enclave, un dos catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional Illas Atlánticas, consolídase como un dos destinos turísticos por excelencia da Ría de Arousa.

   Así o sinalou a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, este martes durante unha visita á illa con motivo da finalización dos traballos de conservación realizados en colaboración coa Asociación Amicos de Ribeira. Ademais, tamén acudiu o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela.

   Neste escenario, a conselleira asegurou que as cifras constatan o "interese crecente" que Sálvora comparte co resto do parque nacional, un espazo que, no que vai de ano, acolleu xa a máis de 220.000 visitantes, un 18% máis que en 2016.

   Así mesmo, Beatriz Mato destacou o compromiso da Xunta pola protección e posta en valor da riqueza que representan os parques nacionais no seu conxunto, así como, en xeral, todo o patrimonio natural da Comunidade.

VOLUNTARIADO AMBIENTAL

   Pola súa banda, Rey Varela valorou "decidida aposta" do Executivo autonómico por promover as actividades de voluntariado ambiental e destacou o papel que teñen os participantes destes programas no "coidado solidario e altruísta" do patrimonio natural.

   Ademais, referiuse á importancia que as asociacións relacionadas co coñecemento, coidado e protección do medio ambiente teñen na campaña de verán que ten posta en marcha o Goberno galego, que oferta máis de 9.500 prazas.

INVESTIMENTO

   Na visita, a conselleira de Medio Ambiente tamén destacou os investimentos da Xunta puxo en marcha nesta illa. Así, sinalou que nos últimos anos investiu 48.000 euros para rehabilitar inmobles, hórreos, reparar tellados de casas, así como paneis interpretativos.

   "O pasado ano xa investimos case 100.000 euros noutra serie de melloras: arranxo de camiños, prevención de incendios, trampeo de visón americano, elaboración do dossier para recibir a Carta Europea de Turismo Sustentable, material divulgativo e seguimento de aves mariñas", lembrou Beatriz Mato.

   Ademais, avanzou que, nos próximos meses, levarán a cabo diversos traballos de estudo, protección e conservación dos valores naturais do espazo insular por valor de 150.000 euros. A maiores, destacou que a Xunta está a piques de asinar un convenio co Ministerio de Agricultura para a posta en marcha de medidas de preservación de especies, cun investimento de 385.000 euros.