A inversión no novo hospital de Vigo supera os 50 millóns e o corredor entre Sarria e Monforte recibe case 19

Actualizado: lunes, 20 octubre 2014 19:44

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Oct. (EUROPA PRESS) -

O novo hospital de Vigo e o corredor que conectará en Lugo as localidades de Sarria e Monforte son dous das obras que reciben maiores partidas no capítulo de investimentos reais da Xunta para 2015, segundo recolle o proxecto de presupostos autonómicos, que iniciaron este luns a súa tramitación parlamentaria.

En concreto, o proxecto de lei recolle case 39,14 millóns de euros para equipamento do novo hospital de Vigo, ao que tamén se destinan case 1,96 millóns para as obras de acceso e 14,05 millóns para a construción do centro.

Na planificación que establece o Goberno galego, a construción do novo hospital da cidade olívica percibirá 42,09 millóns en 2016, 41,94 millóns en 2017 e ata 670,6 millóns de 2018 en diante.

Aínda en materia sanitaria, os investimentos reais do Sergas fixan en 13,21 millóns a achega para o Plan Director de Ourense, en 8,85 millóns a do Plan Director do Hospital 2050, en 7,27 millóns o Plan Director do Chuac e en 1 millón o Plan Director do Hospital da Costa.

Á construción de centros de saúde corresponde unha partida de 5,27 millóns de euros en 2015, que se suma a outras como a de 550.00 euros para equipamento, 200.000 para ampliación e melloras de centros e outra de 492.000 euros.

O proxecto 'Innova Saúde' dispón de 1,15 millóns de euros, aproximadamente, e a dotación para equipamento informático ascende a uns 26 millóns de euros, aos que se suman, entre outras contías, a transferencia corrente de 24,39 millóns para a empresa pública de servizos sanitarios Galaria na área de xestión integrada de Vigo.

INFRAESTRUTURAS VIARIAS

No que respecta a infraestruturas, a Axencia Galega na materia reserva máis de 18,8 millóns de euros para acometer en 2015 o corredor que unirá Sarria e Monforte.

A vía de altas prestacións da Costa Norte conta con 9,64 millóns para o ano que vén --9,24 en 2016 e 3,37 para 2017--; mentres que a que vai de Tui a A Guarda conta cuns 4,8 millóns de euros.

Pola súa banda, o desdobramento do corredor do Morrazo ten consignados 2,14 millóns e a variante de Aradas, na capital galega, 629.000.

Aínda neste ámbito, a Consellería de Infraestructuras prevé nos seus presupostos investimentos de 3,27 millóns para a conexión do porto seco de Monforte e uns 53.000 euros para o acceso a Plisan.