A lei de acompañamento, que modifica a de incendios, segue adiante superado o debate de totalidade

Publicado: lunes, 20 noviembre 2017 21:09

En Marea, PSdeG e BNG cren que a Xunta "recoñece o seu fracaso" en política antiincendios, e PP e Goberno apelan ao diálogo na tramitación

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Nov. (EUROPA PRESS) -

A lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos da Xunta para 2018 e que, entre outras cuestións, modifica a lei de prevención de incendios e varias normativas máis para introducir "melloras" na xestión forestal e combater os lumes, tramitarase no Parlamento pese ao rexeitamento da oposición, cuxas emendas de totalidade rexeitou o PPdeG.

Este foi o último punto a debater desta xornada parlamentaria, que arrincou co debate das emendas de totalidade do proxecto de orzamentos --rexeitadas polo PPdeG, polo que o proxecto seguirá adiante--. Xa pola tarde, previamente, debatéronse as emendas transversais, é dicir, aquelas que modifican a contía global do orzamento ou que transfiren créditos entre seccións, e que tamén foron rexeitadas polos populares.

En canto á lei de acompañamento, os distintos portavoces da oposición no debate --Antón Sánchez (En Marea), Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) e Olalla Rodil (BNG)-- fixeron especial fincapé nas modificacións en materia de incendios e coincidiron en interpretar que representan "un recoñecemento do fracaso" das políticas da Xunta após a vaga de lumes de mediados de outubro.

Á marxe de subliñar que o problema forestal en Galicia é estrutural e non se soluciona por esta vía, toda a oposición coincidiu en criticar o uso da lei de acompañamento. Sánchez incidiu na "falta de planificación" do Goberno de Feijóo, mentres Rodríguez Rumbo advertiu que se modifican catro normas ligadas á loita contra incendios "pola porta de atrás e sen participación nin informes preceptivos".

Rodil advertiu que "son un total de 20 leis" as que se modifican a través deste "subterfugio" e que se fai, ademais, en liña paralela ao proxecto de orzamentos de 2018. Os distintos grupos afearon, ademais, o "uso do rodete" por parte do PPdeG, que ao longo desta xornada rexeitou as súas distintas emendas. "Usan o rodete para abusar dun procedemento impropio, desprezando á oposición e á sociedade", esgrimiu Rodríguez Rumbo.

"NON SERÁ O MELLOR MECANISMO, PERO É LEGAL"

Avanzando o rexeitamento ás emendas de devolución da oposición -que posteriormente se confirmou na votación--, a portavoz popular, Paula Prado, defendeu que, aceptalas, suporía bloquear a mellora da conciliación para os empregados públicos ou evitar medidas que favorecen a xestión de montes ou a loita contra incendios.

Ao tempo, aínda que recoñeceu que a lei de acompañamento non sexa "o mellor mecanismo", a deputada popular reivindicou que non furta o debate e "é legal", xa que hai xurisprudencia que así o avala.

"Esta lei foi usada por todos os gobernos de todas as cores políticas", sinalou Prado, a quen posteriormente Rodríguez Rumbo replicó que "o Goberno de (Emilio Pérez) Touriño non o fixo".

CHAMADA AO "DIÁLOGO"

No arranque da tramitación desta lei, superado o debate de totalidade, Prado chamou ao diálogo e a que todos os grupos realicen as súas "achegas" --o propio PP emendouna, como xa avanzou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo-- porque "haberá debate" até a súa aprobación definitiva.

Tamén o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, apelou ao diálogo e pediu aos grupos sumar a unha lei de acompañamento que introduce cambios encamiñados a "dinamizar a venda de chan empresarial, facilitar a conciliación dos empregados públicos, ordenar a venda ambulante no Camiño", ou mellorar a xestión forestal e favorecer que as administracións poidan cumprir coas esixencias de limpeza fronte aos incendios.