A lista de Villares terá 21 postos no Consello das Mareas

Actualizado: lunes, 23 enero 2017 19:57

Continúa no aire se Villares será tamén voceiro orgánico, cuestión que poderá resolverse na primeira reunión do conselo o sábado

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Ene. (EUROPA PRESS) -

A lista encabezada por Luís Villares para as eleccións internas de En Marea, 'Máis Alá!', terá 21 postos no Consello das Mareas. Pola súa banda, a candidatura vinculada a Anova, 'Somos Quen', fíxose con nove; e a de Cerna, 'Queremos participar', con cinco.

Estes resultados provisionais destes comicios internos foron dados a coñecer este luns polo presidente do Comité Electoral, Xermán Tobío, quen detallou que, do total de 1903 inscritos, exerceron o seu voto 1565 persoas, dos cales 41 foron en branco. Non houbo votos nulos.

En concreto, a candidatura 'Máis Alá!' recibiu 894 apoios, o que supón o 58,66% dos votos. Pola súa parte, a encabezada polo deputado de En Marea e exalcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez, fíxose 385, o 25,26%; e, por último, 'Queremos participar', con 245 votos, o 16,08%. Deste modo,

Tras coñecerse este luns os resultados provisionais, agora ábrese un prazo de 48 horas para que todos os interesados poidan presentar reclamacións sobre a composición deste máximo órgano de decisión entre asembleas e do que sairá a futura coordinadora, que integrarán un total de 11 persoas máis os voceiros no Parlamento autonómico e no Congreso.

Polo momento, a lista ''Queremos participar' xa avanzou que recorrerá os resultados ao considerar que as cifras dadas a coñecer outorgan 20 representantes, en lugar de 21, a 'Máis Alá'; nove a 'Somos Quen'; e seis, en lugar de cinco, a 'Queremos participar'. Martínez atribuíu este feito a "un erro aritmético" que considera que "se procederá a emendar debidamente" ante esta reclamación.

PAPEL DE VILLARES

Con estes resultados continúa no aire o papel que terá o actual voceiro na Cámara galega, Luís Villares, na nova coordinadora -órgano executivo- toda vez que o documento asociado á súa propia candidatura -a que tivo máis votos-, veta que o maxistrado lucense poida compatibilizar o seu labor na Cámara galega coa de voceiro do partido político.

"Os voceiros de En Marea no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados (neste caso é un cargo rotatorio) formarán parte, con voz e sen voto, do Consello das Mareas e a Coordinadora, onde non ostentarán ningunha das tres portavocías, que serán ocupadas por dúas mulleres e un home", recolle un parágrafo do documento político.

Con todo, esta postura incluída no documento de 'Máis Alá!' contrasta, non obstante, coa das outras dúas listas que tamén se presentaron aos comicios internos, que apoian que Villares sexa o voceiro único da formación.

Este feito, sumado ao regulamento das eleccións internas, fai que tecnicamente o voceiro parlamentario de En Marea tamén o poida ser do partido que se constituíu en xullo de 2015 na asemblea de Vigo. A incógnita poderá resolverse o próximo sábado, día 28 de xaneiro, cando terá lugar a primeira reunión do Consello das Mareas e as primeiras negociacións para acordar os voceiros.

COMPOSICIÓN DO CONSELO

Deste modo, por 'Máis Alá!' estarán no consello Luís Villares, Victoria Esteban, Xosé Manuel Beiras, Gladys Afonso, Iago Martínez, Noemí Prados, Javier Octavio de Todelo, Sara Torreiro, Pedro José Rivera, Ana María Seijas, Rafael Dopico, Elena Cores, Borja San Ramón, Paula Rodríguez Domínguez, Adrián Fuenteseca, Sara Outeiral, Mariano Enrique Fernández, Oriana Méndez, Gonzalo Rodríguez, Thais Rivera e Ares Jiménez.

Por 'Somos Quen' estarán no máximo órgano de decisión entre asembleas Davíde Rodríguez, Iria Morgade, Modesto Renda, María Esther Duro, Alfonso Diz, Sonia Vidal, Pablo Alonso Pérez, Mónica González, Xurxo Triñanes.

Por 'Queremos participar' estará representado no Consello das Mareas pola exdeputada de AGE e do Grupo Mixto Consuelo Martínez, Mario López Rico, Paula Vázquez Verao, Francisca Rodríguez e Iris Malvido.

A coordinadora, á súa vez, sairá das 35 persoas elixidas para o Consello das Mareas e comporase de forma proporcional aos resultados obtidos polas distintas candidaturas.

PRIMEIRAS REACCIÓNS

Unha vez coñecidos os resultados, 'Somos Quen' remitiu un comunicado aos medios no que agradeceu o apoio á súa lista "das bases" e mostrou a súa "satisfacción e orgullo" polo resultado obtido.

"Foi un proceso precipitado, tivemos pouco tempo para formar a candidatura, dende a base, co traballo de todas, para vertebrar un proxecto político para En Marea e para o país. Pero iso non foi impedimento para conseguir facernos oír, e ser claves no futuro de En Marea", sinalou.

Neste sentido, o deputado Davide Rodríguez tamén se mostrou "contento" e avanzou que "a partir de mañá" se poderán "a traballar" para ser "a esquerda nacional" que Galicia "necesita".