López Abella insta a "non retroceder" na loita contra a violencia de xénero e a centrar os esforzos nos mozos

Actualizado: martes, 25 noviembre 2014 15:36

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Nov. (EUROPA PRESS) -

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, sinalou que a loita contra a violencia de xénero é "unha longa tarefa" na que a sociedade non se pode "permitir retroceder", ao tempo que apostou por centrar os esforzos de forma especial nos mozos, que "reproducen estereotipos que se crían erradicados".

Así o sinalou López Abella durante a súa participación en Santiago nun acto convocado con motivo do Día Internacional de Loita contra a Violencia de Xénero, no que a USC entregou os premios aos lemas e relatos presentados polos seus alumnos en relación a esta xornada.

Ante os alumnos, López Abella recordou que, para eliminar a violencia de xénero, "é necesario unir os esforzos de todos" e "loitar en igualdade", ao tempo que evidenciou o importante papel da escola, o instituto e a universidade.

A poboación xuvenil, alertou a secretaria xeral, é "especialmente sensible" neste ámbito, dado que os estudios evidencian que están a "reproducir estereotipos de xénero que crían erradicados".

Como exemplo, apuntou un estudio segundo o cal o 9,4 por cento das universitarias españolas considera que os homes agresivos son máis atractivos, algo que din tamén o 20 por cento dos universitarios. Esta situación leva, ademais, á percepción social de que "hai moitas mulleres que están dispostas a perdoar os seus agresores".

"Erradicar a violencia de xénero é unha longa tarefa na que non nos podemos permitir retroceder", indicou López Abella, que apostou por "substituír o dominio e a submisión polo respecto mutuo".

CULTURA PATRIARCAL

Pola súa parte, a vicerrectora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, María Dolores Álvarez, afirmou que o que está "detrás" da violencia de xénero é "a cultura patriarcal" e advertiu de que "a violencia de xénero se perpetuará" se a sociedade non é "capaz de cambiar eses estereotipos".

"As accións de sensibilización e formación son esenciais para cambiar esta cultura", explicou a vicerrectora, que pediu a implicación de toda a sociedade.

COLEXIO DE XORNALISTAS

Con motivo do Día Internacional de Loita contra a Violencia de Xénero, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia emitiu un comunicado no que expresa o seu "rexeitamento" á violencia machista en "tódalas súas manifestacións".

Para o colexio profesional, a violencia de xénero representa hoxe en día "un dos principais problemas sociais e políticos", que debe considerarse como "unha vulneración gravísima dos dereitos humanos".

Contra esta lacra, o colexio insta aos medios de comunicación a "practicar a tolerancia cero e o rexeitamento social fronte a todas as manifestacións" deste tipo de violencia, así como a "visibilizar" este problema e a súa dimensión, así como as súas raíces e consecuencias.