Máis de 700 persoas reclaman á Armada eximir ao cabo Gago e depurar responsabilidades polo sinistro da Extremadura

Actualizado: jueves, 11 septiembre 2008 23:10

FERROL, 11 Sep. (EUROPA PRESS) -

Máis de 700 persoas concentráronse hoxe ante o Teatro Jofre de Ferrol para reclamar ao Ministerio de Defensa que retire o expediente aberto ao cabo que denunciou supostas "irregularidades" e "neglixencias" no accidente da Fragata Extremadura, aínda investigado en dilixencias xudiciais previas e a consecuencia do cal faleceron dous mariños en decembro de 2005.

A protesta, baixo o lema "Liberdade de expresión, retirada do expediente, transparencia e claridade", contou coa presenza de representantes do BNG, entre eles, o deputado Francisco Jorquera, sindicatos como a CIG, UGT e CC.OO., e distintas asociacións veciñais e sociais, que conxuntamente apoian a Plataforma de Apoio ao cabo Jorge Miguel Gago Chao.

O pai do militar, Miguel Gago, lamentou que nas últimas horas o Defensor do Pobo rexeitase avaliar o expediente aberto ao seu fillo por realizar declaracións na prensa sobre o accidente e que podería supor que antes de finais de setembro fose arrestado en prisión militar durante dous meses. Na súa contestación, o Defensor do Pobo asegura que non ten competencias no ámbito militar.

Os familiares e amigos do cabo reclamaron que os dereitos constitucionais tamén se aplicasen aos militares, e que se democraticen as Forzas Armadas dun país no que o Goberno "pregoa o seu talante".

Miguel Gago recorda que, tras o accidente, o seu fillo foi felicitado polo Almirante Xefe da Flota e outros altos cargos pola súa "decidida" e "adecuada reacción", pero que no momento no que declarou sobre a existencia de "supostas irregularidades" ante o Xuíz militar que instrúe as dilixencias previas e ante a prensa, a "cúpula militar decidiu castigalo".

O cabo Gago, tras 14 anos na Armada e varias condecoracións, denunciou que o día do accidente reiterara aos seus superiores que era preciso parar a caldeira da fragata porque os seus niveis de cloro superaban ata en dez veces os valores establecidos. Segundo as súas declaracións, as súas advertencias non foron atendidas e a máquina explotou e causou a morte de Erik Noval e Francisco Pérez Castrillón.