Máis do 60% dos contratos lácteos galegos duran menos de tres meses

Comision Agricultura
Foto: EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: viernes, 28 marzo 2014 19:05

O PSdeG ve "obvio" que "non está a funcionar a filosofía da lei de cadea alimentaria" cando só seis superan o ano de duración

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Mar. (EUROPA PRESS) -  

   Un total de 6.090 contratos lácteos asinados entre produtores galegos subministradores de leite e os correspondentes receptores, máis do 60 por cento dos existentes na comunidade a peche de 2013, teñen unha duración de menos de tres meses, mentres 2.556 (o 26%) superan o nove.

   Así se desprende dos datos da Interprofesional Láctea (Inlac) achegados pola directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, en comisión parlamentaria a preguntas do portavoz socialista en materia de agricultura, Pablo García.

   "É obvio que non está a funcionar a filosofía da lei de cadea alimentaria e que algo se está facendo mal", destacou o deputado do PSdeG á luz destes números, que fixan en unicamente seis os contratos que superan o ano de duración.

   O alto cargo da Consellería do Medio Rural lembrou que a lei de cadea alimentaria, que estableceu a obrigatoriedade de asinar contratos entre as partes do sector primario, entrou en vigor a comezos deste ano, polo que avogou por "darlle un pouco de tempo" e rexeitou "afirmar que non deu o resultado previsto".

   Neste sentido, chamou a atención sobre que foi un decreto lei de 2012 --o referido aos contratos homologados, que, con todo non establecía a obrigación de asinalos-- o que impuxo a duración dun ano, aínda que tamén contempla nun dos seus artigos a posibilidade de que, de mutuo acordo, subministrador e receptor renuncien a ese tempo mínimo para os contratos, o que permite que duren menos.

"EVOLUCIÓN LENTA PERO SEGURA"

   Ulloa valorou, xa con cifras que manexa a propia Xunta, que os 9.830 contratos (hai 8.100 produtores con contrato pero a diferenza débese a que un gandeiro pode ter máis dun)/dun) supoñen que o 98,5% das entregas de leite que se realizan en Galicia fanse ao amparo desta fórmula escrita. "A evolución da firma de contratos foi lenta pero segura. Aos poucos foise afianzando o sistema", valorou.

   Tamén sinalou que en 1.149 dos casos, o receptor é unha cooperativa, mentres que en 1.401 non o son e "a diferenza do que se podía esperar", a duración é "máis longa" nos que non son cooperativas que nos que si o son.