En Marea advirte de que parques eólicos poden esquivar as directrices de paisaxe

Actualizado: miércoles, 14 febrero 2018 14:18

Pregunta á Xunta se espera "feitos consumados" e advirte de que as empresas alegaron para que ese documento non teña aplicación retroactiva

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Feb. (EUROPA PRESS) -

En Marea denunciou que as directrices de paisaxe "están paralizadas" desde decembro de 2016, cando comezaron o proceso de consulta pública, algo que vinculou con que a instalación de futuros parques eólicos poidan esquivar os criterios que este documento imporá para a protección do patrimonio.

En rolda de prensa, o viceportavoz da formación rupturista no Parlamento galego, Antón Sánchez, e o deputado Pancho Casal acusaron á Xunta de "falta de planificación, de modelo, de participación cidadá e de retorno económico" en materia de enerxías renovables.

Pola súa banda, Sánchez criticou o "acelerón que se pretendeu dar para seguir engordando as contas das eléctricas e dos bancos" a través da lei de implantación de iniciativas empresariais, á que se referiu como "lei de depredación" e que lembrou que reduce os trámites ás compañías.

Subliñando a aposta do seu grupo polas renovables e en concreto polo sector eólico, con gran "potencial" en Galicia, o viceportavoz de En Marea censurou cuestións que o Goberno galego, ao seu xuízo, "non está a facer", como ter en conta o impacto, a eventual "destrución" do patrimonio e a distancia dos muíños aos núcleos de poboación.

"ESTAFA XENERALIZADA"

Así, puxo como exemplo dous parques previstos en Cabana de Bergantiños e en Laxe, na provincia da Coruña, para denunciar a "estafa xeneralizada". No primeiro dos casos, cifrou nuns 2.000 euros anuais o que repercutirá a súa instalación no pobo: "Non significa nada", dixo. No segundo, apuntou que os veciños non recibirán "nin un só euro", por ser tres torres, e pese ao rexeitamento da corporación.

Pola súa banda, Pancho Casal, previamente, aludiu ao canon eólico e aos 40 millóns de euros, segundo os seus números, que todos os galegos terán que pagar "para devolverlle ás eléctricas" o que abonaron por este concepto no ano 2013.

Por todo iso, En Marea presentará iniciativas orientadas a "revisar" o plan sectorial eólico de Galicia, tendo en conta que as directrices de paisaxe, segundo indica, contemplan a súa modificación unha vez estean aprobadas.

Coa súa "paralización", preguntouse Antón Sánchez se o Executivo de Alberto Núñez Feijóo pretende chegar aos "feitos consumados", con parques xa instalados e que non seguisen criterios máis estritos de protección da paisaxe.

E é que nesta mesma liña tamén indicou que algunhas empresas interpuxeron alegacións a ese documento, precisamente, para que unha vez entre en vigor non teña unha aplicación con carácter retroactivo.