En Marea ofrécese a "mediar" para evitar que se presenten varias mareas municipalistas nun mesmo concello

Villares e Ana Seijas
EUROPA PRESS
Publicado: domingo, 18 febrero 2018 14:40

   Villares chama a articular "fórmulas instrumentais" para aumentar a presenza das mareas nas deputacións

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Feb. (EUROPA PRESS) -

   En Marea ofreceuse a levar a cabo tarefas de "mediación" para evitar que nas eleccións locais do próximo ano concorran nun mesmo concello varias candidaturas de unidade popular. "Se somos os que predicamos a unidade popular, esta ten que empezar pola propia casa", declarou a preguntas dos medios o portavoz da formación rupturista, Luís Villares.

   Fíxoo na mañá deste domingo en Santiago, onde se celebra un dos catro encontros municipalistas organizados por En Marea --o resto teñen lugar de forma simultánea en Lugo, Ourense e Pontevedra-- de cara a preparar o camiño das eleccións locais previstas para a primavera do ano que vén.

   Nestas reunións, segundo relatou a viceportavoz do partido instrumental e responsable de municipalismo, Ana Seijas, están a participar "máis de 200 persoas" dunhas "60 mareas" co obxectivo de "traballar coordinadas e xuntas" na posta en común de ideas para as eleccións de 2019.

   Unha das metas das forzas rupturistas será, a diferenza do que ocorreu en 2015, evitar que varias candidaturas de unidade popular se presenten nun mesmo concello, como ocorreu en localidades como Lugo ou Ferrol.

   Esta foi unha das cuestións que estiveron sobre a mesa este domingo, como recoñeceu en declaracións aos medios Villares, que apuntou que En Marea se ofrece a abandeirar "a función de mediación" para "buscar puntos de encontro" para concretar unha única candidatura por lugar.

   "Estamos seguros de que en 2019 imos conseguir mellorar e simplificar substancialmente os lugares onde houbo candidaturas que concorrían separadas. [...] Non podemos pedirlle á xente que confíe en nós como transmisores da vontade cidadá maioritaria de unidade popular cando nós mesmos non somos capaces de chegar a acordos", sinalou o maxistrado en excedencia.

   Ademais, En Marea fixa como reto que "non quede ningún recuncho de Galicia, ningún concello, sen espazo municipalista"; unha meta para a que tamén ofreceu a súa colaboración á hora de "facilitar que quen queira traballar" nunha candidatura de unidade popular "poida facelo en 2019".

   Así, Villares cifrou en "unhas 50 aproximadamente" as mareas que botaron "a andar" desde o nacemento de "o espazo político de En Marea".

DEPUTACIÓNS

   Outro dos retos aos que se enfronta en 2019 o espazo das mareas municipalistas é articular unha fórmula que lles permita sumar a súa forza nos concellos para aumentar a súa representación nas deputacións e, desta maneira, estar en disposición de gobernar os entes provinciais.

   Cuestionado por este asunto, Villares recoñeceu que a esquerda rupturista non pode "deixar escapar" a oportunidade de "optimizar" os votos a través de "fórmulas instrumentais" que "permitan sumar para os conxuntos das deputacións".

   Deste xeito, o portavoz de En Marea instou a "rendibilizar o esforzo electoral a nivel deputación", unhas institucións "que prestan servizos e que financian os concellos, sobre todos os menos poboados", polo que cre necesario que os entes provinciais "teñan tamén a representación da segunda forza política de Galicia".

RESPONDE A FEIJÓO

   Logo das declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas que asegurou que as mareas municipalistas converteron "a ilusión" en "decepción" nos seu tres anos de vida; Villares respondeu que as enquisas sinalan que a cidadanía non perdeu a confianza nos proxectos de unidade popular.

   "Feijóo debería preguntarse por que na única cidade onde goberna (Ourense) non foi capaz de sacar adiante os orzamentos. Debería preguntarse por que non é capaz de facer cumprir as sentenzas de inhabilitación como no caso do alcalde de Palas de Rei. Feijóo non é capaz de explicar por que a súa mala xestión non é capaz de remontar en ningún dos concellos onde até agora teñen unha representación menguante", espetou.

   Ademais, lembrou aos populares que Ourense, a única cidade de Galicia que goberna o PP, "serve como exemplo da incapacidade dun partido que goberna na Xunta e que é incapaz de chegar a acordos con ninguén no ámbito municipal".