En Marea ve "rídiculo" o reforzo de persoal do Sergas en situacións como a caída do paseo de Vigo

Luís Villares, este luns
EN MAREA - Archivo
Publicado: martes, 21 agosto 2018 13:19

Villares urxe a aprobación dun plan de catástrofes e incidencias de múltiples vítimas no Hospital Álvaro Cunqueiro

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Ago. (EUROPA PRESS) -

O portavoz de En Marea, Luís Villares, tacha de "ridículo" o reforzo de persoal sanitario decretado pola Consellería de Sanidade para reaccionar ante situacións de emerxencia como a caída do paseo do porto de Vigo durante os concertos do Marisquiño, que deixou un total de 467 persoas feridas.

Nun comunicado, o líder do partido instrumental apunta que nas 24 horas seguintes ao accidente, foron atendidas unhas 189 persoas, algo que "non mereceu a atención especial" do Servizo Galego de Saúde (Sergas), tal e como denuncia.

E é que, segundo esgrime En Marea, "unicamente se reforzou o servizo de urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro cun celador na quenda de tarde e un equipo médico durante a quenda de noite". "Foi ridículo se temos en conta que durante os días seguintes foron atendidas máis de 400 persoas en urxencias por lesións referidas ao sucedido no festival", esgrime Villares.

Ademais, asegura que esta "imprevisión" ocasionou que "o día 6 de agosto fose o de maior incidencia no servizo de urxencias dos últimos anos". "A isto debe engadirse a supresión estival do médico encargado das camas de observación, que durante o resto do ano é de 24 horas", engade.

APUNTAN AO CONSELLEIRO

Por todo iso, o portavoz de En Marea pregúntase "onde estaba" o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o responsable da xerencia da área sanitaria. "Se a cousa finalmente saíu ben foi grazas, unha vez máis, a nosas e os nosos profesionais", agradece.

Ademais, o partido instrumental ve unha "insuficiencia de planificación" de Sanidade no Álvaro Cunqueiro que ten como "manifestación máis clara" na falta "falta de aprobación" do plan de catástrofes e incidencias de múltiples vítimas que permitiría "unha máis áxil resposta" en sinistros como o do Marisquiño.

"Esta situación xa foi denunciada por En Marea con ocasión da explosión de Paramos, en Tui, e levada ao Parlamento de Galicia para instar á Consellería de Sanidade a súa aprobación inmediata, proposta que foi rexeitada cos votos do PP en xullo", esgrime Villares.

Por todo iso, a formación rupturista pide a comparecencia de Vázquez Almuiña no Lexislativo autonómico e a aprobación "inmediata" do plan de catástrofes de múltiples vítimas no Álvaro Cunqueiro.