Martiño Noriega sostén que o portavoz de En Marea "ten dereito a ter recursos"

Actualizado: jueves, 30 marzo 2017 5:11

Evita "retroalimentar debates públicos" sobre cuestións internas e afirma que "ás veces hai un discurso doado" e outras "está a realidade"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Oct. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, sostén que o voceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, o exmaxistrado Luís Villares, "ten dereito a ter recursos" para facer o seu traballo político "con dignidade".

Preguntado pola petición de Villares, que formula que En Marea le "compense" as rendas salariais que deixou de percibir dende que foi elixido candidato, Noriega destacou que "os debates que se dan dentro de coordinadora de En Marea se deben dar dentro da coordinadora de En Marea.

Con todo, considerou que "unha persoa que exerce unha portavocía dun grupo parlamentario que é segunda forza do país ten dereito a ter recursos para poder facer o seu traballo político".

"Como teñen a maior parte dos voceiros e responsables políticos que teñen que percorrer o país, que teñen que estar en moitos lugares e que teñen dalgún xeito que estar á altura das circunstancias," engadiu.

"NON VAI HABER PROBLEMA"

Non obstante, insistiu en que, ao seu xuízo, "os debates que se dan na coordinadora de En Marea teñen que cinguirse á coordinadora de En Marea, e dixo que prefire "non retroalimentar debates públicos sobre cuestións que verdadeiramente formaban parte dun diálogo e dun traballo que se está a facer dentro da coordinadora".

Cuestionado sobre se persoalmente ou como membro de Anova está de acordo coas demandas de Villares, afirmou apoiar "que a xente que ten que facer determinado traballo político, que ten que percorrer miles de quilómetros polo país, que ten que ir a moitos lugares para facer ese traballo político, poida facer ese traballo político con dignidade". "No caso de Luís Villares e no caso de calquera responsable político", apostilou.

Así, avogou por "garantir que a xente poida facer a súa representación política con dignidade", nun contexto no que opinou que "ás veces hai un discurso doado e outras veces está a realidade".

O voceiro da segunda forza na Cámara galega, incidiu, "ten que facer un traballo que o condiciona polo conxunto do país, e ten que percorrer miles de quilómetros e ten que estar en moitos conflitos e vai ter que ter recursos para poder facelo".

Non obstante, reiterou que "ese é un debate que se dá dentro da 'marea' e sobre o que entende que "non vai haber problema por que iso aconteza". "O problema é cando se descontextualizan ese tipo de cuestións", resolveu.