Mato defende que foi o Goberno de Feijóo o que detectou anomalías nos cursos de formación e o que fixou controis

Actualizado: lunes, 20 octubre 2014 18:10

A conselleira visita a primeira gardaría que se pon en marcha construída pola Fundación Amancio Ortega

FERROL, 20 Oct. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asegurou que os mecanismos de control do seu departamento á hora de verificar a impartición de cursos laborais son correctos e que "a principios do ano 2012" xa foron detectadas varias anomalías na impartición dos denominados Programas de Integración de Emprego, agora baixo o foco da 'Operación Zeta'.

Mato realizou estas declaracións en Ferrol durante a visita que realizou ás novas instalacións da Escola Infantil de Esteiro, integrada dentro da rede da Galiña Azul, e que foron construídas e financiadas pola Fundación Amancio Ortega.

A preguntas dos medios, asegurou que "non é unha boa noticia para un goberno descubrir unha fraude de fondos públicos". Ao respecto, apuntou que nas inspeccións realizadas se puido constatar que non existían "nin alumnos, nin profesores, nin aulas" xerando unha situación "lamentable", dando traslado do acontecido á Fiscalía.

Beatriz Mato destacou que os mecanismos de control que realizan os funcionarios "son correctos" e recordou que foi o Goberno de Feijóo o que implantou "por primeira vez nestes programas" asegurando que antes non se realizaba ningún tipo de seguimento.

A conselleira tamén asegurou que o resto de cursos para desempregados "están sometidos a un sistema de control permanente, realizado por funcionarios, e que o goberno da Xunta vai seguir vixiando o uso dos fondos públicos de xeito correcto".

Sobre a dimisión de Odilo Martiñá, insistiu en que "está motivada por unha decisión persoal", que el mesmo lle explicou "persoalmente", co obxectivo de "poder centrarse na súa defensa". Mato engadiu que, pola súa banda, aceptou estas explicacións e que, ademais, é "o máis correcto".

GARDARÍA

A conselleira visitou este luns a primeira escola infantil que se pon en marcha en Galicia grazas ao convenio asinado coa Fundación Amancio Ortega, que recolle a construción doutras oito. Neste acto tamén se deron cita o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo.

O rexedor ferrolano agradeceu tanto á Fundación Amancio Ortega coma á Xunta a posibilidade de poñer a disposición dos seus conveciños estas instalacións, cunha inversión de 1,6 millóns de euros e con algo máis de 80 prazas.

Rey Varela recordou que esta é a cuarta gardaría pública do seu municipio dependente da Xunta, ademais doutra "do Ministerio de Defensa" e as nove concertadas, con máis de 600 prazas dispoñibles.

DEMOGRAFÍA

Beatriz Mato tamén agradeceu á Fundación Amancio Ortega a colaboración co goberno da Xunta para dotar a varios municipios deste tipo de instalacións, recordando que Galicia "non ten desgraciadamente uns datos demográficos alentadores" cunha alta porcentaxe de envellecemento do poboación.

Fronte a iso, esgrimiu que dende a Xunta "se está a apostar por políticas de conciliación da vida familiar e laboral", coa creación de 3.300 novas prazas de gardaría dende o ano 2009, traballando co obxectivo de incrementar noutras 2.000 o número de prazas "de aquí a fin da lexislatura".