A meteoroloxía obriga a cancelar o SonRías Baixas en Bueu (Pontevedra), que devolverá o importe das entradas

Actualizado: viernes, 19 septiembre 2014 17:49

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Sep. (EUROPA PRESS) -

A organización do SonRías Baixas viuse obrigada a cancelar a XIII edición do festival, que estaba prevista para este venres e o sábado en Bueu (Pontevedra).

A chuvia e o vento fixeron imposible a montaxe do escenario e dos equipos de son e luz, explica o equipo do festival, que asegura traballar intensamente ata o último momento, "día e noite", pero argumenta que o risco para o persoal e o equipamento técnico, así como para o público, levou a tomar a decisión de suspender o evento.

Tal e como recolle a acta asinada conxuntamente pola Garda Civil, a Policía Local, o Concello de Bueu, representantes dos grupos participantes e da empresa de son, luz e escenario, a meteoroloxía foi a culpable da cancelación do festival.

A organización devolverá o 100% do importe das entradas, segundo sinala nun comunicado de prensa. O importe das entradas compradas por internet execútase automaticamente na tarxeta dende a que se realizou a compra nun prazo de tres a 15 días hábiles, explica.

Pola súa banda, as persoas que comprasen a súa entrada nun punto de venda física poden cambiala polo importe na billetera do festival este venres e este sábado ou no mesmo lugar de venda a partir do próximo mércores día 24 e ata o 24 de outubro.

As persoas que teñan dúbidas ao respecto poden contactar coa organización a través do teléfono, do correo 'incidencias.sonrias@gmail.com' e das redes sociais (@sonriasbaixas tanto en Facebook coma en Twitter).

"SENTÍMOLO DE CORAZÓN"

A organización transmite as súas desculpas a todos os afectados pola cancelación do festival. "Lamentamos muchísimo a frustración e os inconvenientes que esta decisión poidan causar para os festivaleros que tiñan pensado asistir ao SonRías Baixas", afirma.

"Lamentámolo polo público, polos artistas e tamén polas institucións, empresas e persoas que nos axudan a facer posible o festival e que este ano, especialmente, puxeron todo da súa parte para que o SonRías fose posible", subliñan os organizadores. "Pero, aínda que seguramente non deberiamos dicilo, a verdade é que o lamentamos sobre todo por nós mesmos, por Troula na Banda", engaden.

Así, indican que son unha asociación sen ánimo de lucro, "un grupo de festivaleros" que traballan ao longo de todo o ano por e para estes días de festival. Que algo tan alleo a eles, "incontrolable e inapelable" como o tempo, o faga imposible, lles entristece "moito máis do que xamais" serán capaces de transmitir, segundo inciden, antes de finalizar resaltando que o senten "de corazón".