Monedero e Santos subliñan que Podemos Galicia debe ser un proxecto "autónomo" no marco da "pluralidade"

Acto de Podemos en Pontevedra
EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 22 julio 2017 21:44

   PONTEVEDRA, 22 Jul. (EUROPA PRESS) -

   Juan Carlos Monedero, un dos fundadores de Podemos, e a secretaria xeral da formación morada en Galicia, Carmen Santos, coincidiron en que Podemos Galicia debe desenvolverse como un proxecto "autónomo" e "con entidade propia" no marco da "pluralidade" con outras forzas políticas de esquerda.

   Nun acto en Pontevedra, Monedero destacou que "Podemos Galicia vai existir" no marco da "pluralidade" con outras forzas políticas de esquerdas porque é "necesaria" para "reforzar" esta organización. "Necesitamos en Galicia e no Estado que Podemos Galicia exista", insistiu.

   Tamén se referiu a a situación de En Marea lembrando que Podemos entrou a formar parte desta confluencia, pero que "moita xente non entendeu" a "xenerosidade" dese xesto no marco dun proceso que "se tiña que facer doutra maneira".

   Ademais, resaltou que no "reto" de avanzar no "autogoberno", Podemos Galicia ten que ser unha "forza política delimitada e con entidade propia" e cunha "relación hermanada con Podemos no Estado", algo que "moitos inscritos reclaman", engadiu.

   Pola súa banda, a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, coincidiu en que os inscritos do seu partido reclaman "un proxecto autónomo e diferenciado con alianzas e o obxectivo común de botar ao PP". Tras rexeitar a súa participación no recente plenario de En Marea, Santos instou á formación liderada por Luís Villares a "traballar en conxunto" para "seguir construíndo de maneira fraterna".

   A presenza de Juan Carlos Monedero no centro de Pontevedra atraeu a numerosos curiosos, entre os cales unha veciña da cidade apelou á axuda de Podemos para pechar a fábrica de Ence na ría de Pontevedra e combater a presenza do eucalipto nos montes galegos.

ENCE

   Monedero referiuse a pasteira como unha fábrica que está "a podrecer o osíxeno" que se respira.

   Tamén rexeitou a "barbarie" das corridas de touros e afirmou que non deben financiarse con diñeiro público "nin directa nin indirectamente", a pesar de que o goberno local de Pontevedra mantén un convenio coa empresa propietaria da praza de touros polo aluguer do recinto.