200 anos de arte galega a través das coleccións de Abanca e Afundación

Presentación da exposición 'Galicia Universal'
XUNTA
Actualizado: miércoles, 13 diciembre 2017 13:44

Reúne unha selección de case 200 pinturas, esculturas ou fotografías de artistas como Lugrís, Castelao, Maside, Laxeiro ou Leiro

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Dic. (EUROPA PRESS) -

O novo proxecto expositivo que acollerá o Gaiás propón un percorrido pola historia da arte galega desde o século XIX, a través dunha selección de 194 obras que forman parte das coleccións de Abanca e Afundación.

Así, a mostra 'Galicia Universal. A Arte Galega nas coleccións de Abanca e Afundación' presenta unha ambiciosa iniciativa na que se incluirán pinturas, esculturas, fotografías ou instalacións de artistas galegos como Castelao, Maside, Maruja Mallo, Francisco Leiro, Menchu Lamas ou Lugrís, entre moitos outros.

En rolda de prensa, o presidente de Afundación e director de RSC de Abanca, Miguel Ángel Escotet, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, abordaron os detalles deste proxecto, que nace coa vontade de "marcar un fito" no panorama expositivo galego.

Escotet trasladou a "responsabilidade" que asume a entidade ao traballar nun proxecto desta "enorme" envergadura e cun obxectivo claro: "facilitar o acceso ao patrimonio artístico a toda a sociedade galega".

A mostra representa unha selección "sen precedentes" que aborda a evolución e os principais nomes da historia artística galega, tanto desde unha óptica particular como en relación co contexto internacional, as vangardas ou o exilio.

Trátase de 194 pezas seleccionadas das coleccións de Abanca e Afundación, integradas por importantes fondos de 1.348 obras artísticas e 3.217 rexistros bibliográficos, no primeiro caso, e por máis de 5.000 no segundo.

Neste sentido, Escotet insistiu no carácter "pedagóxico" da mostra, facendo un percorrido "visual e cronolóxico" por "todos os grandes nomees da arte galego" e que evidencia a "vontade" da entidade de conformarse como "parte activa" da axenda cultural de Galicia.

Pola súa banda, Román Rodríguez lembrou que o proxecto naceu dunha conversación informal trala declaración BIC da colección de Afundación hai dous anos, que derivou nesta "exposición histórica" na o que predomina a "forte identidade cultural e artística" de Galicia e a súa conexión coas vangardas históricas.

O conselleiro destacou a "capacidade creativa de altísimo nivel" mostrada polos galegos nos últimos séculos, e que quedará plasmada nesta "carta de presentación" expositiva, "a máis ambiciosa dos últimos anos" sobre arte de Galicia.

EN 2018

A mostra poderase visitar de forma gratuíta no Museo Centro Gaiás entre o 16 de marzo e o 14 de outubro de 2018.

O deseño de montaxe da exposición estará a cargo do estudo galego de arquitectura Abalo e Alonso, que buscarán crear un diálogo co propio espazo do Gaiás e realzar o valor singular das pezas.

Ademais, estará acompañada por un programa de visitas guiadas para escolares e unidades didácticas, situándose así como "unha clase de historia da arte galega", e verase reforzada por un catálogo en galego, castelán e inglés editado polo estudo Desoños.

Preguntado sobre se fomentarán proxectos similares de cara o Ano Xacobeo, Rodríguez considerou "prematuro" avanzar nada nese sentido, aínda que non descartou que se poidan formular ou expor iniciativas neste sentido.