Noriega (Anova) avisa de que Rajoy carece de "credibilidade" para ofrecer medidas contra a corrupción

Martiño Noriega, coportavoz de Anova
EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 27 noviembre 2014 15:46

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Nov. (EUROPA PRESS) -

O covoceiro nacional de Anova, Martiño Noriega, advertiu de que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, carece de "credibilidade" para ofrecer medidas para combater a corrupción política.

Así, en rolda de prensa e preguntado pola intervención no Congreso do xefe do Executivo, Noriega cuestionou que fale de que "nestes momentos, 'somos menos sensibles ao proceso de corrupción' cando ten a corrupción institucionalizada no seu partido e no goberno".

O tamén alcalde de Teo advertiu de que Rajoy "foi unha das persoas que, ao igual que a súa ministra actualmente dimitida (Ana Mato) está vinculada a un proceso de financiamento ilegal e ao pagamento de sobresueldos do PP". "Iso deixa moi tocada a credibilidade de quen o enuncia", considerou.

Deste modo, Noriega afirmou que o presidente do Goberno "non ten ningún tipo de credibilidade" e engadiu que "abrir un proceso de rexeneración no seu nome e do PP é poñer o raposo a coidar das galiñas".

"Aviados imos se non somos capaces de percibir iso!", sinalou, para, a liña seguida, mostrarse convencido de que a cidadanía "si o percibe perfectamente". "Nestes momentos a credibilidade dalgúns está baixo mínimos, e xa poden poñerse a escenificar determinadas cuestións, que non van ter retorno," xulgou.