O novo estudio de Mareiras abre o venres en Santiago nun acto inspirado nas tardes vienesas de Schubert

Mareiras Espacio de Arte
REMITIDO

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Abr. (EUROPA PRESS) -

O novo estudio de Mareiras, situado na compostelana rúa Preguntoiro, acollerá o próximo venres, ás 20,30 horas, un encontro no que quere reunir a amigos e estraños para celebrar a apertura do espazo cun concerto lírico no que intervirán o tenor Enrique A. Martínez e o pianista Cándido Cabaleiro Paz.

Este acto inspírase nos tempos en que, nas tardes vienesas, Franz Schubert e os seus amigos organizaban as 'Schubertiadas', reunións informais en domicilios privados, nas que moitas veces o compositor aproveitaba para presentar as súas novas obras.

Mareiras Espacio de Arte recolle a idea do xenial compositor e actualízaa para a inauguración do seu novo espazo de traballo. Deste xeito, o próximo venres interpretaranse pezas de Schubert; tamén unha aria barroca e outras obras.

Todo o acto terá un estilo informal, ocupando asistentes e intérpretes a escaleira do edificio, o que entronca directamente coa tradición da 'Schubertiada', é dicir, "levar a un espazo cotián unha actividade, neste caso a ópera, normalmente circunscrita a outros espazos como teatros ou salas".

Precisamente, esta idea é a que subxacer na actividade de Mareiras Espacio de Arte, que se creou en 2011 coa intención de ser un espazo de intercambio e creación.

"ARTE, CONSTANTE MOVEMENTO"

En palabras da súa directora, "o nome vén por min, María Eiras, pero ademais Mareiras aparece recollido en moitos dicionarios como o 'movemento impetuoso do mar, as mareas'. Gústame esa idea de movemento, de impulso, de ir e vir. Así entendo eu a vida e tamén a arte, algo que está en constante movemento. Movemento, aprendizaxe constante e paixón, os tres elementos que son o xerme de Mareiras Espacio de Arte".

Dende entón, desenvolveu a súa actividade en diversos espazos, e co traslado a esta sede espera marcar un novo punto na traxectoria deste proxecto persoal. Ademais de participar na organización de eventos culturais, en Mareiras Espacio de Arte achégase a arte dunha forma máis directa, a través de clases de debuxo e pintura, talleres intensivos de pintura chinesa, acuarela, modelado ou sesións en vivo con modelo.

DENDE 2012

Como artista, Mareiras leva relativamente pouco no mundo da arte, dende 2012. A súa obra céntrase en dous conceptos, a beleza da sombra e a investigación con novos materiais.

Precisamente nalgunhas das súas últimas exposicións traballou este último aspecto, exhibindo un proxecto de debuxo sobre papel germinable. "No caso de plantalo, obteriamos unha planta, pero perderiamos a obra; pretendo reflexionar así sobre a posesión da obra de arte", explica.

O seu traballo está exposto actualmente no AC Pazo do Carmen, dentro da mostra "Café Con...... en Colectivo, e no restaurante Don Gaiferos, onde o 27 de marzo inaugurou unha exhibición con obra súa e dos seus alumnos con grande éxito de público.