Oito hospitais de Galicia utilizan por primeira vez as 'Google glass'

Actualizado: viernes, 9 octubre 2015 19:57

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Oct. (EUROPA PRESS) -

   Oito hospitais da Comunidade Autónoma de Galicia utilizan por primeira vez as 'Google glass' en intervencións cirúrxicas e consultas de Uroloxía no marco do proxecto 'Almirall Smart Glass Program'.

   Segundo informa a compañía Almirall, trátase do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), o Complexo Hospitalario de Vigo (Chuvi), o Hospital San Rafael, o Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac), o Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), Povisa en Vigo, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e o Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA).

   Os servizos de Uroloxía dos citados centros hospitalarios iniciaron a súa participación no proxecto e ao longo das próximas semanas van incorporar o uso das 'Google glass' nas súas intervencións cirúrxicas e consultas de Uroloxía.

   O proxecto 'Almirall Smart Glass Program'', segundo explican os seus promotores, "implica a maior investigación nacional con Google glass" en Uroloxía". Segundo engaden, o seu obxectivo é "desenvolver aplicacións de wearable technology para cubrir as necesidades dos urólogos, tanto en quirófano coma no seu día a día en consulta e deseñar con eles o futuro da medicina".

   Este proxecto no que participan varios hospitais galegos, e que contará con cen urólogos de toda España, está sendo coordinado polo doutor Eduard García Cruz, especialista en Uroloxía do Hospital Clínic de Barcelona.