Ordenan ingreso hospitalario do detido en Moaña por agredir á súa moza e azuzar ao seu can contra a Policía

Publicado: lunes, 20 agosto 2018 16:40

   VIGO, 20 Ago. (EUROPA PRESS) -

   O xulgado de Cangas (Pontevedra) ordenou este luns o internamento nun centro hospitalario do mozo que foi detido a pasada fin de semana en Moaña tras agredir supostamente á súa parella e azuzar ao seu can contra os axentes que o ían a deter.

   O mozo, de 23 anos de idade, foi posto a disposición xudicial en Cangas este luns pola mañá e, ademais do seu ingreso hospitalario, o xulgado impúxolle a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima, de 18 anos de idade. O mozo está a ser investigado, polo momento, por un suposto delito de violencia de xénero.

   A detención produciuse o sábado no paseo da Xunqueira de Moaña, onde acudiu unha dotación da Policía Local alertada porque un mozo de 23 anos estaba a agredir á súa parella, unha moza de 18 anos. O suposto agresor abandonou o lugar e foi á súa casa a buscar ao seu can, de raza pitbull, para regresar ao paseo, onde estaba a Policía atendendo á súa noiva.

   Segundo explicou a Policía Local de Moaña, o mozo azuzou ao can e deulle ordes de atacar aos axentes polo que estes, para preservar a súa integridade e dado que o mozo non desistía da súa actitude, víronse obrigados a disparar varias veces ao animal.

   Así mesmo, foi necesaria a colaboración da Garda Civil para reducir e deter ao mozo, que se resistiu e mostrouse violento cando ía ser arrestado, chegando a proferir ameazas contra os axentes.

   A Policía Local informou tamén de que este mozo estaba a ser investigado por un incidente anterior co seu can. Ao parecer, segundo sinalaron estas fontes, o animal atacou hai uns días a un coñecido do seu dono, que sufriu feridas na cara e tivo que ser atendido nun centro hospitalario vigués.