Os centros Quérote+ realizaron máis de 1.300 probas rápidas do VIH dende 2011 en Galicia

Actualizado: miércoles, 20 agosto 2014 12:41

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Ago. (EUROPA PRESS) -

Os centros Quérote+ da Xunta realizaron máis de 1.300 probas de detección en fluído oral de anticorpos de VIH no organismo dende abril de 2011, data en que se puxo en marcha este servizo de análises rápidas.

Ademais, a través dun comunicado, a Administración autonómica destacou que esta proba ten "cada vez" unha demanda "máis elevada". Así, as 193 probas realizadas en 2011 case se duplicaron ao ano seguinte (366) e eleváronse a 430 en 2013. No que vai de ano, xa se realizaron 312.

Con este sistema, nuns 20 minutos pódese confirmar a presenza de anticorpos do VIH. Non obstante, o Goberno galego deixou claro que "non é unha proba diagnóstica" e que un resultado positivo "deberá ser sempre confirmado" nun laboratorio hospitalario.

Tras apuntar que "un 25 por cento" da poboación afectada descoñece que padece esta enfermidade, puxo en valor que un diagnóstico "a tempo" ofrece a posibilidade de recibir unha terapia antiviral nas etapas precoces da infección e de modificar as condutas que poden propiciar a transmisión do virus.

Por último, a Xunta detallou que o perfil da persoa que se achega a realizar a proba, que ten carácter anónimo, é un home (no 70 por cento dos casos) de entre 16 e 34 anos (71%) e das provincias de A Coruña ou Pontevedra (77%).