Os ópticos galegos aconsellan revisións oculares

Carretera, Retrovisor, Autovía, Coches, Tráfico, Dgt
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 30 marzo 2015 12:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Mar. (EUROPA PRESS) -

   Os ópticos-optometristras galegos advirten de que un 40 por cento dos accidentes de tráfico se deben a "distraccións visuais ao volante" e recomendan revisar a vista antes de coller o coche para unha viaxe longa e evitar accidentes.

   Así o sinalou o presidente do Colexio de Ópticos-Optometristras de Galicia, Eduardo Eiroa, que aconsella os condutores que, de utilizar sistemas de navegación e multimedia, se empreguen as indicacións sonoras que ofrecen "para evitar mirar á pantalla na medida do posible".

   Sobre os aparatos de DVD para os nenos, aconsellan que se coloquen na fronte, a uns "setenta centímetros e un pouco por debaixo da liña de visión".

   Con motivo dos desprazamentos de Semana Santa, estes profesionais inciden na importancia que ten facerse unha revisión da visión antes de coller o coche, "que se pode realizar dunha forma rápida e sinxela a través do convenio Ollo cos Ollos, posto en marcha coa colaboración da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde", precisan.

   Os optometristas galegos sinalan que hai unha "relación estreita" entre a calidade da visión e a seguridade na estrada e recordan que o "90 por cento da información que se recibe ao conducir procede dos ollos".

   Ademais, os ópticos-optometristas fan fincapé nas persoas que padecen un grao elevado de miopía e os maiores de 55 anos con inicio de cataratas, por ser un colectivo que "debe ter un especial coidado ao volante por non ter as capacidades visuais ao cen por cen", precisan.

HORARIO NOCTURNO

   As persoas que prefiren desprazarse en horario nocturno tamén deben ter precaución ao volante, segundo puntualizan, xa que a proporción de accidentes mortais "aumenta notablemente" no crepúsculo e "a agudeza visual en visión nocturna se reduce a un 70 por cento, mentres que o sentido da profundidade é sete veces menos eficaz pola noite que durante o día".

   Tamén os optometristas galegos sinalan que pola noite aparece, ademais, a denominada "miopía nocturna", que aumenta os problemas de percepción.

   Así mesmo, sinalan que "convén ter coidado" cos cegamentos que producen outros coches "por ser unha posible causa de cegueira momentánea".