Os prezos industriais caeron un 3,9%

Factoría, industria, fábrica
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 26 enero 2015 11:53

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Ene. (EUROPA PRESS) -

   Os prezos industriais baixaron un 3,9% en 2014 respecto a 2013, a mesma porcentaxe de descenso que tivo o pasado mes de decembro en taxa interanual, mentres que tivo un recorte do 2,1% respecto ao mes de novembro, segundo informou este luns o Instituto Nacional de Estatística (INE).

   Pola súa banda, a enerxía rexistrou a maior caída en 2014 respecto a 2013 (-19,9%); mentres que o prezo dos bens de consumo descenderon un 0,2% (con rebaixa do 0,2% dos non duradeiros, pero aumento do 0,3% dos duradeiros).

   No outro lado, o prezo dos bens de equipo creceu un 0,1% e o dos bens intermedios aumentou un 0,2% en Galicia durante 2014 en comparación co ano anterior.

   No tocante a decembro respecto a novembro, a enerxía descendeu un 9,5%, os bens intermedios caeron un 0,6%; e os bens de consumo mantivéronse invariables (os de consumo duradeiro baixaron un 0,2% e os de non de duradeiro creceron un 0,1%); mentres que os bens de equipo aumentaron un 0,2%.

16 COMUNIDADES EN TAXAS NEGATIVAS

   Por comunidades, Galicia ten a oitava maior caída interanual do Estado (-3,9%), por enriba de Cataluña, País Vasco, Murcia, Andalucía, Castilla-La Mancha, Baleares e Canarias.

   A peche de decembro, só a Comunidade de Madrid presentaba unha taxa interanual de prezos industriais positiva (1%), mentres que as 16 rexións restantes rexistraban taxas negativas, especialmente Canarias (-14,5%), Baleares (-8,2%) e Castilla-La Mancha (-6,5%).

   No último mes do ano pasado, a taxa anual dos prezos industriais baixou en 15 comunidades autónomas, principalmente en Canarias e Baleares, con descensos de 14,3 e 13,2 puntos, respectivamente, ata taxas do -14,5% e do -8,2%.

   A única comunidade que elevou a súa taxa interanual en decembro foi La Rioja, cun avance de tres décimas, ata o -0,5%. Madrid, pola súa banda, mantívoa estable no 1%.

DATOS ESTATAIS

   Os prezos industriais baixaron un 1,1% o pasado mes de decembro respecto ao mes anterior e descenderon un 3,7% en taxa interanual, a súa maior caída dende outubro de 2009, cando se derrubaron un 4,3%, segundo informou este luns o Instituto Nacional de Estatística (INE).

   Con este recorte interanual no último mes do ano pasado, que amplía en máis de dous puntos o experimentado en novembro (-1,5%), os prezos industriais encadean seis meses de descensos interanuais despois de que en xuño lograsen a súa primeira taxa positiva en seis meses.

   A evolución interanual que experimentaron os prezos industriais en decembro debeuse principalmente á enerxía, que situou a súa taxa anual no -13,4%, oito puntos menos que en novembro e o seu nivel máis baixo dende xullo de 2009.

   Esta evolución foi resultado do descenso do refino do petróleo, actividade que rexistrou a súa taxa máis baixa dende xullo de 2009, cun -25,8%, e dos prezos da produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica, que subiron menos en decembro de 2014 do que o fixeron en igual mes de 2013.

   Tamén os bens intermedios contribuíron á caída dos prezos industriais en decembro, cunha taxa anual do -0,8%, dúas décimas inferior á de novembro, pola fabricación de produtos químicos básicos.

   Pola contra, en decembro aumentou catro décimas a taxa anual dos bens de consumo non duradeiro, ata o 0,3%, debido ao encarecemento da fabricación de aceites e graxas, mentres que a taxa anual dos bens de equipo se situou no 0,2%.

   En termos mensuais (decembro de 2014 sobre novembro do mesmo ano), os prezos industriais baixaron un 1,1%, fronte ao descenso mensual do 1,2% experimentado en novembro e a suba do 1,1% dun ano antes.