Os socialistas galegos atribúen a un "xesto" que o PSC vote a favor da lei, pero non están "de acordo"

Guillermo Meijón
EUROPA PRESS/PSDEG
Publicado: viernes, 19 septiembre 2014 12:45

Meijón mostra a "satisfacción" do seu partido e ve similitudes entre o que piden os escoceses co "non" e a terceira vía para Cataluña

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Sep. (EUROPA PRESS) -

O coordinador dos socialistas galegos no Congreso, Guillermo Meijón, atribúe un "xesto" que o PSC vote a favor da lei de consultas impulsada no Parlamento catalán, pero admitiu que non está "de acordo" con esa postura.

En todo caso, aclarou que non hai "discrepancias" entre a postura do PSC e a do PSOE, xa que en ambos os dous casos están a favor dun reforma constitucional. Deste xeito, e en declaracións a Europa Press, explicou que entende que o que existe é unha diferenza formal sobre como se interpreta esa lei de consultas.

"Vémolo máis como un xesto, co que non estamos de acordo", indicou e matizou Guillermo Meijón, quen, ademais, manifestou que o PSC, co seu primeiro secretario á cabeza, Miquel Iceta, "está perfectamente cohesionado".

De feito, apelou a que Miquel Iceta "está perfectamente de acordo" coa reforma do modelo territorial, a través dun cambio na Constitución, e de "camiñar a un estado federal". "Reforma da Constitución e camiñar cara ao estado federal; todo o PSC está en torno a estes dous puntos. Non creo que haxa discrepancia", abundou.

Por outro lado, en rolda de prensa este venres en Santiago, Guillermo Meijón remarcou que os socialistas "están convencidos de que hai que respectar o marco legal vixente", e que, "neste momento, non caben consultas" como a que pretende o presidente da Generalitat, Artur Mas, o 9 de novembro.

Así, o "único" xeito "válida" é a reforma da Constitución, asegurou, ao respecto da que o PSOE aposta por camiñar cara a a un modelo de estado federal que modifique a "relación das distintas nacións que compoñen este país e comunidades autónomas", para lograr un "mellor e máis estable" marco de convivencia.

ESCOCIA E CATALUÑA

En canto ao resultado do referendo de Escocia, no que saíu vencedor o "non", Meijón mostrou a "satisfacción" dos socialistas galegos e destacou que o pobo escocés apostou por seguir no Reino Unido e tamén polo "conxunto da Unión Europea".

Con todo, tamén considera que Escocia defendeu tamén un "cambio de modelo de relación", no seo de UK, sobre a base de "maiores competencias e unha maior cota de autogoberno".

"Entendemos que isto é algo tremendamente semellante á chamada terceira vía que defendemos", sinalou en referencia ao caso catalán, acerca do cal que recordou que os socialistas avogan por unha reforma constitucional, cun "marco de convivencia máis estable e entendendo como eles que a fortalece da unión".

Sobre a repercusión que poida ter o resultado da consulta escocesa noutros movementos nacionalistas de Europa, Meijón considerou que cada pobo "é un mundo", desta que a singularidade do pobo escocés é "propia", é "moi distitna" da que poden ter outros países.