Os técnicos de Hacienda defenden "analizar caso por caso" a situación dos retornados, pero non unha "amnistía"

Actualizado: miércoles, 23 abril 2014 14:59

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Abr. (EUROPA PRESS) -

O presidente do sindicato dos técnicos de Hacienda --Gestha--, Carlos Cruzado, defendeu "analizar caso por caso" a situación dos emigrantes retornados que foron obxecto dunha investigación polas declaracións dende 2008, pero manifestou que "non son partidarios de amnistías" en ningún caso".

Con todo, si chamou a atención sobre o feito de que a Agencia Tributaria prioriza "o control sobre os contribuíntes de perceptores de rendas de traballo e se descoiden" outros ámbitos, como as grandes empresas e fortunas.

Ao respecto , e en rolda de prensa tras participar nun encontro co voceiro nacional do BNG, Xavier Vence; Carlos Cruzado apostou por destinar "o mesmo esforzo á persecución" das grandes fortunas e empresas que o que se está a dedicar aos pequenos contribuíntes.

Ademais, Cruzado considera que hai que analizar se se informou ben os emigrantes retornados sobre como deben contribuír con Hacienda e se houbo unha "opinión xeneralizada" de que non había que tributar polos rendementos doutros países.

Pola súa banda, o voceiro nacional do BNG considerou que os emigrantes retornados "non deberían ser o centro da asignación" dos recursos humanos no labor inspector, porque o que se está a facer é unha "persecución dos pequenos problemas" e "non dos grandes focos" da fraude e a evasión fiscal.

Ao respecto, Vence considerou que o primeiro que debería facer a Agencia Tributaria é "facilitar a información" necesaria aos pensionistas, por diante de "iniciar expedientes sancionadores" que, como publica 'Faro de Vigo' este mércores, reactiváronse. Así, lamentou que a AEAT se centre nun "sector fráxil e débil" en lugar de en combater a gran fraude.