Pachi Vázquez reivindica a súa inocencia

Pachi Vázquez sobre Valedor
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 24 abril 2015 19:53

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Abr. (EUROPA PRESS) -

   O exsecretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez reivindicou este venres a súa inocencia despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decidise desestimar o recurso de apelación presentado por el contra o seu auto de procesamento.

   Nun breve comunicado de prensa, o deputado socialista asegurou que confía "plenamente" na Xustiza e que acata a súa "resolución", pero recalcou que se demostrará que "sempre" actuou "dentro da legalidade en materia de contratación durante a súa etapa como alcalde do Carballiño (Ourense).

   Neste sentido, subliñou que seguirá achegando "documentación abonda" tanto "do concello" coma "doutras administracións públicas" para corroborar, "xunto cos testemuños dos traballadores", que os procesos de contratación "cumpriron todos os requisitos legais vixentes".

   Dito isto, lamentou que "non se tiveran en conta" as "probas" que foi presentando e que "demostra o correcto proceder" na contratación de traballadores por parte do Concello do Carballiño "hai xa máis de 10 anos".

   Despois de que o alto tribunal galego desestimase o seu recurso, o maxistrado José Antonio Ballestero seguirá a instrución do caso de Pachi Vázquez por un suposto delito de prevaricación continuada en relación coa contratación irregular de 37 persoas entre 1995 e 2005.