O Parlamento galego insta á descentralización de Navantia Ferrol e que Xunta participe en consello de administración

Actualizado: martes, 16 septiembre 2014 14:41

A oposición denuncia unha situación dramática en Ferrolterra e reclama coñecer que pasará tras o fin do veto á construción civil

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Sep. (EUROPA PRESS) -

Os grupos parlamentarios do PPdeG, PSdeG, AGE e BNG aprobaron por unanimidade unha iniciativa do Bloque para que o Parlamento galego inste ao Goberno galego a demandar do Estado unha xestión descentralizada de Navantia Ferrol, "que dote de autonomía empresarial á ría de Ferrol", e que faga efectivo o compromiso da Xunta de impulsar o sector naval a través da participación no consello de administración desta sociedade.

Esta foi a única iniciativa aprobada na comisión de Industria celebrada este martes na Cámara galega, na que PSdeG, AGE e BNG volveron levar ao Parlamento galego senllas iniciativas sobre o futuro de Navantia --que foron debatidas de forma conxunta, aínda que votadas por separado --, e na que só a do Bloque atopou o apoio dos populares. Unha proposición non de lei a dos nacionalistas na que se avoga pola implicación do Goberno galego para "propiciar os investimentos necesarios e o financiamento da industria auxiliar do naval".

Deste modo, o PSdeG levou á Cámara unha proposta para instar á Xunta a que se adopten medidas urxentes para a construción do dique flotante nun prazo máximo de tres meses; mentres que AGE pediu que se reclame ao Goberno que demande ante a Unión Europea a aprobación por parte de Competencia da construción do dique.

Estas dúas iniciativas foron rexeitadas polo PPdeG, e o encargado de defender esta negativa foi o deputado Miguel Tellado, recén elixido voceiro dos populares galegos, que riscou de "recorrentes" estas propostas, e acusou ao PSOE e AGE de que "o único que buscan é conseguir un non do PP".

Neste sentido, Tellado acusou os socialistas de que "lle deron un non ao dique flotante sen siquiera facer consulta á UE", ao tempo que subliñou que "non corresponde" á Xunta decidir sobre o dique, senón a Competencia da UE, e defendeu que o Goberno galego "apoiou sempre este proxecto". A isto agregou que "foi un goberno socialista" o que "botou" a Astano da construción civil coa "reconversión de 2005".

Sobre a iniciativa do BNG, Tellado valorou a súa "redacción impecable", pero explicou que aínda que se pode defender a descentralización, non comparte "a segregación" de Navantia Ferrol, pois considera que Navantia é "unha gran grupo" que "debe permanecer unido".

DEBATE

Neste debate, o deputado socialista Abel Losada fixo unha radiografía da situación de Ferrolterra, cunha taxa de desemprego por enriba do 30 por cento, que pode "compararse con calquera Estado en vías de desenvolvemento", no marco dunha "crise profunda dende hai anos", onde as estratexias sobre o naval "fracasaron".

Así mesmo, ironizou con que coa danesa Margrethe Vestager, de corte liberal, á fronte de Competencia na UE en substitución do comisario Joaquín Almunia, "amence un brillante futuro para o sector naval de Galicia", xa que se mostrou "seguro" de que vai superar "todos eses supostos atrancos" que o PP denunciaba do comisario socialista.

Ademais, Losada considera "inexplicable" a decisión do Goberno de España de que o Ministerio de Defensa se involucre en Navantia, "salvo que se estea a asistir a un proceso de remilitarización" no que "se vai pechar a área civil".

Tras alertar de que "9 de cada 10" traballadores das auxiliares en Ferrol están en situación de desemprego, denunciou "enganos políticos intolerables" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como "cando dixo que el era o garante do dique flotante".

Ao respecto, o socialista dixo non saber "que se está a facer entre bambalinas", pero reclama coñecer qué políticas de futuro existen para Navantia tras o fin do veto á construción civil a partir do 1 de xaneiro.

Nesta liña, a deputada do BNG Carme Adán censurou que "evidentemente" hai "un traspaso" da xestión de Navantia ao Ministerio de Defensa, e alertou de que se pode traducir en que "en poucos meses" se vaia pechar a construción civil. Neste sentido, reclama que "non se deixe esmorecer a área de reparacións".

Xunto a isto, Adán queixouse de que o dique flotante "é como unha entelequia", e esixiu coñecer "que vai pasar en xaneiro de 2015" cando finalice o veto á construción civil e cál vai ser a folla de ruta do PP para o futuro de Navantia.

"NON HAI VETO NINGÚN DA UE" Ao DIQUE

Pola súa banda, a deputada de AGE Consuelo Martínez recriminou aos populares que " escúdense na UE para non mover ficha", dado que "non hai veto ningún da Unión Europea á construción do dique".

Así, Martínez subliñou que "a UE non dixo non", pois "o que di" é que "se queren construír o dique flotante o formulen, pero formalmente", e aclara que será "ilegal" no caso de que as axudas estatais "excedan o 15%".

Por iso, a deputada de AGE acusou de "desidia" e "falta de seriedade" o Goberno central e a Xunta, de forma que no Goberno galego "deberían dimitir todos en bloque" porque "condenan a desaparición da industria" en Ferrol.

Sobre esta cuestión, o deputado do PPdeG Miguel Tellado preguntou a AGE "quen vai poñer ese 85%" restante para a construción do dique, e se preguntou "alguén quere se que se privatice" esa infraestrutura.

Así as cousas, o popular valorou que o Ministerio de Defensa "se involucre en Navantia", pero afirma que "non é certo que Navantia pase a mans de Defensa", porque a xestión económica e financeira "vai seguir dependendo da SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais)". Así, defendeu que haxa construción civil e militar en Navantia, ao tempo que avogou por "políticas proteccionistas" para o sector naval europeo fronte á "competencia desleal" de estaleiros asiáticos.

OUTRAS INICIATIVAS REXEITADAS

Noutra orde de cousas, nesta comisión os populares tamén rexeitaron dúas iniciativas do BNG e PSdeG sobre actuacións da Xunta en materia de telecomunicacións e sobre a elaboración dunha estratexia enerxética de Galicia.

Tampouco contou co apoio dos populares unha proposta de AGE -que foi avalada polo BNG e PSdeG-- para ordenar a paralización da explotación dunha canteira no Concello de Triacastela (Lugo) porque "é incompatible" cos valores naturais da zona, dado que afectará, segundo expuxo, ao Camiño de Santiago e, sobre todo, á "xoia" de Cova Eirós, que conta cun importante depósito arqueolóxico.

Sobre esta cuestión, o deputado popular Ángel Camiño xustificou que a superficie para explotación con licenza municipal "non incorpora espazo" correspondente a Cova Eirós, "aínda que se amplíe" e tampouco afecta ao Camiño de Santiago. Ademais, considera que esta proposta defende "intereses alleos" aos dos traballadores e veciños da bisbarra.