O Parlamento insta á Xunta a cubrir necesidades nos servizos de saúde mental con enfermeiros especialistas

Actualizado: jueves, 24 abril 2014 15:05

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Abr. (EUROPA PRESS) -

Os grupos participantes na Comisión de Sanidade do Parlamento aprobaron este xoves unha proposición non de lei na que instan á Xunta a manter actualizada anualmente a lista de vinculacións temporais de profesionais de enfermaría especialistas en saúde mental", así como a cubrir as necesidades de contratación neste ámbito con estes profesionais.

A iniciativa, presentada polo PSdeG, foi finalmente transaccionada cunha emenda do PPdeG e contou co voto afirmativo tanto destas dúas formacións políticas coma de BNG e AGE.

Na súa iniciativa orixinal, a deputada socialista Carme Acuña reclamaba que se publicasen con "urxencia" as listas de vinculacións temporais de enfermaría especialista en saúde mental, se procedese á súa renovación con carácter anual e se cubrisen as necesidades de contratación neste ámbito con este tipo de profesionais.

Acuña destacou a importancia da enfermaría na asistencia sanitaria e recordou que a saúde mental é unha "especialidade consolidada" neste ámbito que "non se está usando axeitadamente" na actualidade en Galicia.

Concretamente, a deputada socialista lamentou que non se contraten nos servizos de saúde mental a especialistas enfermeiros para cubrir as necesidades e que estean a "gastar recursos en formación" para "mandar especialistas ao paro ou ao estranxeiro".

EQUIPOS MULTIDISCIPLINARES

Na mesma liña, a deputada de AGE Consuelo Martínez criticou a evolución dos servizos de saúde mental en Galicia e reclamou a volta aos "equipos multidisciplinares que a día de hoxe non existen".

Para Consuelo Martínez, a asistencia de saúde mental a día de hoxe "limítase a unha consulta para revisar a medicación", o que leva consigo a situacións de "abandono" do tratamento e a circunstancias como é o feito de que se estean a trasladar aos "enfermos psiquiátricos" de maior idade a "xeriátricos" sen o tratamento axeitado.

A deputada do BNG Montse Prado, pola súa banda, lamentou que a saúde mental sexa "unha das grandes esquecidas" no sistema público de saúde e que "persoas con titulación" neste ámbito estean "desempeñando outro tipo de funcións". "A contratación destes especialistas sería boa para os profesionais e redundaría nunha mellor calidade asistencial", sentenciou Prado.

Finalmente, o deputado popular Aurelio Núñez Centeno mostrouse de acordo coa actualización anual destas listas, aínda que defendeu a aposta do Goberno galego coa saúde mental e cos especialistas neste ámbito.