A película 'Ouro do tempo', do galego Xavier Bermúdez, será a única española no 48 festival checo de Karlovy Vary

EL DIRECTOR Y GUIONISTA XAVIER BERMÚDEZ, NATURAL DE OURENSE, DURANTE EL RODAJE
XAMALÚ PRODUCCIONS
Actualizado: sábado, 8 junio 2013 15:33

O director é o guionista da fita, interpretada por Ernesto Chao, Nerea Barros, Manuel Cortés e producida por el mesmo e Manane Rodríguez


OURENSE, 8 Jun. (EUROPA PRESS) -

A longametraxe 'Ouro do tempo', con guión e dirección do ourensano Xavier Bermúdez, terá a súa estrea absoluta o día 2 de xullo no festival de cinema Karlovy Vary, da república Checa, na súa versión orixinal en galego, e será a única fita española que compita con outras 14 procedentes de Estados Unidos, Rusia, Francia, Italia, República Checa e Inglaterra, entre outras seleccionadas para a sección oficial polos delegados do festival.

O festival de Karlovy Vary figura, xunto cos de Berlín, San Sebastián, Moscú, Cannes, El Cairo ou Venecia, entre os 11 que teñen a categoría A no ámbito cinematográfico e é un dos máis antigos do mundo, segundo explicou Bermúdez a Europa Press. No caso de 'Ouro do tempo', será o inicio dun periplo, "pois a Karlovy hai que ir cun filme sen estrear noutros certames, pero en compensación queda a promoción que supón participar e que a seleccionen para outros".

A película competirá en versión orixinal galega, "algo bastante inédito nos festivais de cinema", destaca o seu director e guionista, e está baseada nun suceso acontecido en Francia: un médico crioxenoizou á súa esposa falecida e mantívoa así na súa casa durante anos, pero o seu descubrimento orixinou a prohibición da conxelación de seres humanos, igual que en España, aínda que en Estados Unidos e Inglaterra si exista como negocio.

"Trátase dunha historia universal en torno ao amor e á resistencia fronte ao paso do tempo centrada nun personaxe que vemos 40 anos despois de crioxenizar á súa esposa, co cadáver nunha casa na que convive co seu fillo e cunha moza que o atende", relatou.

RODAXE EN VEDRA

A gravación da película fíxose ao longo de tres estacións en diferentes lugares de Vedra (A Coruña) e comezou cun día na primavera de 2012, seguiu con varios días en agosto de gravación en interiores, logo no outono varios días no exterior e unha simulación do inverno cun traballo en escenarios interiores.

É a quinta película dirixida por Bermúdez, aínda que como guionista ten moitas máis, e está producida por Xamalú Filmes en colaboración coa Televisión de Galicia.

"Trátase dunha película de baixo presuposto, como todas as que fago, así que resulta especialmente adecuada pois non podemos esquecer que estamos nunha sociedade arruinada, pero estamos afeitos a facer cousas pequenas con poucos medios e xa temos máis capacidade de resistencia", explica.

FESTIVAL NUNHA CIDADE TERMAL

Bermúdez di sentirse moi cómodo en Karlovy Vary, onde xa foi seleccionado pola súa película 'León e Olvido' en 2004 e recibiu o Globo de Cristal ao Mellor Director e a protagonista, Marta Larralde, o Globo de Cristal á Mellor Actriz.

"Agora volvemos para estar alí catro días entre o 28 de xuño e o 6 de xullo, nunha das vilas máis fermosas que coñezo", destaca, e recorda que se trata do lugar de augas quentes e hoteis impresionantes que foi destino tradicional de descanso para a burguesía europea, entre ela personalidades como Sigmund Freud, "pero agora mantén a súa grande beleza con custos moito máis alcanzables", engade.

Di esperar moito do festival, pois con 'León e Olvido' foi o inicio dun percorrido por máis de 50 certames que se saldou con 11 premios. "Non hai moitas películas españolas que estean tan premiadas e seguen pedíndoa para a súa proxección. Agora irá a unha semana de cinema en Perú", explica o director.

A situación agora é diferente, pois pecharon moitas salas de cinema "e a cousa segue empeorando", expón e sinala que aínda non pode dicir cando se estreará en España esta nova película.

O xurado que deberá seleccionar as gañadoras do ano 2013, dentro dun mes, estará presidido pola cineasta polaca Agnieszka Holland, directora de fitas como 'Europa, Europa', 'Copying Beethoven' ou 'in Darkness', entre outras, e na sesión de clausura xa está previsto que se entregará o Globo de cristal especial pola contribución ao mundo do cinema ao cineasta Oliver Stone.