Piden a repetición do xuizo do home que mato ao seu irmán en Vilagarcía

Actualizado: martes, 3 marzo 2015 18:46

A acusación reclama que os feitos se consideren asasinato fronte á condena de homicidio imprudente

A CORUÑA, 3 Mar. (EUROPA PRESS) -

A familia dun home falecido por un disparo de escopeta do seu irmán en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), en setembro de 2012, pediu que se repita o xuízo tras alegar "seis motivos" polos que considera que debe declararse a nulidade do celebrado con xurado popular.

Así o formulou o seu letrado na vista celebrada no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), na que se expuxeron os recursos presentados por esta parte e pola defensa que, no seu caso, reclamou a absolución do seu cliente.

A vista celebrouse despois de que un xurado popular declarase culpable de homicidio imprudente a Santiago G.L., acusado de matar o seu irmán Alfonso dun disparo de escopeta en Guillán, no municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa.

O home confesou que foi o autor do tiro mortal pero, na súa defensa, alegou que o fixo "por instinto", pois sentiu "medo e pánico" de que o falecido o atacase cunha navalla e acabou disparando a súa escopeta, segundo o seu testemuño, sen intención de matalo.

No seu fallo, o xurado tivo en conta as atenuantes de confesión, arrebato, medo insuperable e lexítima defensa. Despois do veredicto, o fiscal, -que pedía 10 anos de prisión por homicidio, unha petición que a acusación particular elevou a 20 anos por asasinato- e a defensa reclamaron o seu posta en liberdade, xa que o procesado levaba dous anos en prisión preventiva.

"CONTAMINACIÓN" DO XURADO

Na vista, o letrado da viúva e fillas do falecido alegou que houbo "contaminación do xurado", en concreto, porque asegurou que un dos seus membros foi visto falando con familiares do acusado.

Ademais, cuestionou o labor do maxistrado que presidiu o xuízo, "que debía explicalo a natureza dos feitos ao xurado", indicou sobre o veredicto.

Tamén descartou que a vítima estivese en posesión no momento dos feitos dunha navalla, un dos argumentos alegados para aplicar a lexítima defensa. Por outra banda, indicou que os atenuantes aplicados "non responden a criterios da lóxica".

"DENEGACIÓN" DE TESTIFICAIS

Por outra parte, apelou, ademais, "á denegación dunha testifical" para solicitar a repetición do xuízo e á existencia de "ameazas de morte" por parte do acusado á vítima para reclamar que se aplique aleivosía e os feitos se cualifiquen de asasinato, se non se acepta a repetición do xuízo.

Tanto a acusación particular como a Fiscalía rexeitaron estes argumentos. "É unha sentenza ben fundamentada", sostivo o Ministerio Público, quen subliñou a existencia dun veredicto "por unanimidade".

Pola súa banda, a acusación particular reclamou a absolución do seu cliente en base, entre outras cuestións, ao "medo insuperable" e as eximentes e atenuantes aplicadas ao seu cliente.