Pilar Rojo admite que o Parlamento sempre "traballou moi ben con 75 deputados"

Pilar Rojo
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 1 septiembre 2014 14:56
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

Apoia a reforma electoral para evitar "oportunismos" como que "un único concelleiro sexa o que decide" quen é alcalde

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Sep. (EUROPA PRESS) -

   A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, admitiu este luns que a institución que dirixe sempre "traballou moi ben con 75 deputados", aínda que puntualizou que iso "non significa que non se poida traballar con menos".

   Nunha entrevista concedida á Radio Galega e recollida por Europa Press, preguntada sobre o recorte de escanos na Cámara, Rojo rexeitou dicir, dado o seu cargo, que quere "ter menos deputados" pero animou a "debatelo".

   "Non pasa nada por, nun momento no que se está a falar de axustes en distintas cuestións, ver a posibilidade de traballar no Parlamento con menos deputados", argumentou, antes de resaltar que esta medida non alteraría "a representación".

   De feito, a xuízo do xefe do Lexislativo autonómico, á forza á que "máis prexudica" esta medida é á que "ten máis deputados", neste caso, o PPdeG.

   Por todo, pediu "ver de forma positiva" esta redución de deputados, no sentido de que o Parlamento de Galicia "lanza a mensaxe" de que tamén se pode axustar e "segue traballando do mesmo modo".

REFORMA ELECTORAL

   Ao fío desta reforma electoral en Galicia, falou tamén sobre a pretensión do PP de modificar o sistema de elección dos alcaldes a nivel nacional. "Non é unha invención" do seu partido, alegou, toda vez que segue o modelo doutros "países".

   Segundo as súas propias palabras, trátase de evitar "oportunismos" como que "un único concelleiro sexa o que decide" quen é o alcalde e persegue "a elección directa" deste cargo por parte dos cidadáns.

   Así mesmo, Rojo reprobou "as críticas preventivas" a esta reforma, que está aberta ás propostas doutros grupos e que non é "unha improvisación", senón a resposta a "cuestións que os cidadáns reclaman dende hai moito tempo".

EN QUÉ SE NOTAN OS RECORTES

   A liña seguido, sobre o acto de apertura do curso político do PP en Soutomaior (Pontevedra), destacou o ton "positivo" do discurso do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, sobre que España é "un gran país". "E ás veces non nos decatamos", apostilou.

   Ademais, xulgou que os cidadáns tamén o ven así. "Cando van ao médico, ¿a quen non se atende?", esgrimiu, para reivindicar, por exemplo, que España conta cunha "das mellores sanidades do mundo".

   Por iso, ao ser preguntada sobre se cre que a sociedade nota os recortes, respondeu rotunda: "Gustaríame que me explicasen en que".

   Estase a racionalizar o gasto, que é a nosa obriga", proseguiu, e apuntou que talvez a crise serviu para que se perciba que "as cousas valen diñeiro". "Ao mellor estabamos nunha nube e non nos decatabamos", remarcou.

   En todo caso, negou que sexan os que menos teñen os que máis están a sufrir os efectos dos recortes, pois para eles "é para os que hai máis medidas". "Na sanidade, son atendidos do mesmo modo; e a educación pública é gratuíta para todos", abundou Pilar Rojo.

RAJOY, "O MELLOR EMBAIXADOR" DE GALICIA

   Seguindo coa presenza o domingo do presidente do Goberno en terras galegas, resaltou "a aposta de Rajoy por Galicia".

   "Podía facer os inicios do curso político cada ano nunha comunidade, ou levar a Merkel a Valencia", explicou, antes de considerar "unha honra" que ambos os dous actos tiveran lugar na comunidade. "Agradezo a súa aposta decidida por Galicia e que sexa a mellor embaixadora que podemos ter", finalizou.

QUE AS MULLERES "DENUNCIEN"

   Sen abandonar a actualidade, á vista dos últimos casos de violencia de xénero en Galicia --e no resto de España--, a presidenta do Parlamento galego fixo un chamamento a que "se"denuncie calquera indicio" de violencia machista.

   "Que as mulleres non queden na casa é o único xeito de loitar entre todos contra esta lacra", sostivo, antes de defender que "ninguén ten dereito a acabar coa vida de ninguén".

NOVA ETAPA

   Finalmente, sobre a apertura do novo período de sesións na Cámara galega, Rojo augurou que será un tempo "moi intenso", coa aprobación dos presupostos e a celebración do Debate sobre o Estado da Autonomía pendentes.

   Tamén admitiu que a proximidade das eleccións municipais terá "influencia", pois o Pazo do Hórreo é "o centro da vida política" en Galicia e o lugar onde "os partidos visibilizan as súas posicións".

   "Pero eu aspiro a que iso non impida o traballo cotián", engadiu, tras sinalar que diariamente "hai moitos máis acordos dos que poida parecer" e "muchísimas iniciativas que se aproban por unanimidade".