A plataforma Xuntos pide ao xuíz que investigue por posible "neglixencia" ao exministro José Blanco

Actualizado: lunes, 22 septiembre 2014 19:44

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Sep. (EUROPA PRESS) -

A plataforma cidadá Xuntos remitiu un escrito ao xulgado de Instrución número 3 de Santiago, que investiga o accidente de Angrois, no que solicitan o xuíz Andrés Lago Louro que investigue por posible "neglixencia" ao exministro de Fomento José Blanco.

A solicitude, de 10 páxinas, inclúe un "informe técnico e xurídico" polo cal a plataforma entende que José Blanco, titular do ministerio de Fomento no momento da inauguración da liña Ourense-Santiago, "debe de ser procesado por neglixencia".

"Entendemos que dende o ministerio se deu unha orde neglixente de inaugurar unha liña sen as necesarias medidas de seguridade, xa que é obvio que aos poucos días do suceso se instalaron elementos de sinalización e balizamento para a salvagarda dos viaxeiros que o día anterior ao accidente non existían para desgracia das vítimas", explican dende a plataforma.

Así mesmo, explican que o "concepto de imprudencia aparellado á neglixencia" necesita "permisividade e falta de dilixencia para que poida ser xulgado" e, tal circunstancia "existe" para a plataforma, xa que "podían ser tomadas outras medidas de seguridade que non tomaron".

"Cremos que dende o ministerio se cometeu unha imprudencia de carácter neglixente ao inaugurar unha linea de ferrocarril como liña de alta velocidade sen selo", indica Xuntos, ao tempo que recorda que "se deixou" a zona "sen os elementos de seguridade necesarios, a mostra da cal e proba cínguese á colocación dos devanditos elementos de seguridade uns días despois do accidente".