Podemos Galicia acorda a súa consulta ás bases, que non contempla un partido instrumental

Podemos galicia
EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 30 julio 2016 15:07

   Críticos coa dirección lamentan que a pregunta a tivese que impoñer a dirección estatal logo de que Santos "rompese o consenso"

   SANTIAGO DE COMPOSTEla, 29 Jul. (EUROPA PRESS) -

   Podemos Galicia acordou este venres a pregunta que formulará na consulta telemática que realizará a todos os inscritos dende este domingo, día 31 de xullo, ata o próximo martes, día 2 de agosto, sobre a forma na que concorrerá ás próximas eleccións autonómicas.

   "¿Como queres que concorra Podemos ás eleccións galegas?", sinala a cuestión que deixa para os inscritos na formación dúas posibles respostas: "A) En alianza electoral con outras forzas políticas e sociais do cambio (como Esquerda Unida, Anova ou as mareas)" ou "B) En solitario".

    Diso informaron este venres aos medios fontes da dirección de Podemos Galicia despois de que o xoves a dirección estatal de decidise non convocar a pregunta que consensuou unha comisión do Consello Cidadán Autonómico sobre as alianzas para as galegas ao non responder a consulta aos documentos cos que a secretaria xeral da formación morada, Carmen Santos, se presentou ás primarias internas.

    Deste modo, a cuestión non inclúe na súa formulación a posibilidade de acudir ás urnas como partido instrumental, como defenden as diferentes sensibilidades promotoras da Asemblea Constituínte que terá lugar este sábado en Vigo e entre as que atopan os alcaldes de A Coruña (Xulio Ferreiro), Ferrol (Jorge Suárez) e Santiago (Martiño Noriega).

REACCIÓNS

    Preguntada polos medios sobre esta consulta, Carmen Santos destacou que a pregunta final foi aprobada despois de que "a dirección estatal que autoriza este tipo de consultas recoñecese a lexitimidade de formulala" en consonancia co documento político organizativo dos estatutos".

    A esta cuestión, tras coñecerse a pregunta, fontes críticas coa dirección de Podemos Galicia consultadas por Europa Press aseguraron que "a pregunta tivo que impoñela" a dirección estatal despois de que a secretaria xeral, Carmen Santos, "rompese o consenso" alcanzado en negociacións mantidas "ao longo de toda a xornada do xoves". Con todo, valoraron que "non se use a palabra coalición", co que, na súa opinión, "se deixa aberta a porta a calquera forma xurídica".

    Pola súa parte, en declaracións aos medios, o líder da corrente crítica Xuntos Podemos avanzou que son partidarios de concorrer en alianza electoral xunto a outras formacións "sempre que se respecte o peso específico que ten que ter Podemos nesta alianza".

   "Unha vez que Mareas en común teñen o seu partido, nós temos que sentar nas mesas a negociar e confeccionar as listas, pero nesas listas Podemos ten que ter un maior peso, porque se lle debe ao seu poder electoral e número de inscritos", apuntou.