O PP rexeita garantir de xeito "urxente" que os mariñeiros embarcados poidan votar

Barco pesquero en Andalucía
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 16 abril 2014 15:25

Os nacionalistas reclaman medidas "concretas" ante a proximidade de comicios este ano e os que veñen

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Abr. (EUROPA PRESS) -

   O PPdeG votou en contra de solicitar ao Goberno central medidas "urxentes" para garantir que os mariñeiros embarcados poidan exercer o seu dereito a voto, como pedía o BNG a través dunha iniciativa en comisión parlamentaria co apoio de PSdeG e AGE.

   Na comisión de pesca, o deputado popular José Manuel Balseiro explicou que o grupo maioritario na Cámara estaría disposto a apoiar esta proposición non de lei se se eliminase do texto a petición de que as decisións se adopten "coa máxima urxencia posible", posto que viu este carácter incompatible co feito de que haxa que modificar unha lei orgánica.

   No caso de non suprimir a devandita cláusula o autor da proposta, o nacionalista Daniel Rodas, como finalmente sucedeu, Balseiro indicou que os populares se ven "na obriga de votar en contra" dun acordo que si se aprobou de xeito unánime, en termos similares, en 2007 no Parlamento de Galicia.

   Precisamente ao respecto daquela actuación, Rodas incidiu en que "a clave", para o Bloque, "está na palabra urxencia", dado que existe ese acordo de 2007 "e dende entón non se levou a cabo ningunha medida".

   "Estívose a traballar dende entón", asegurara o voceiro de pesca do PPdeG anteriormente na súa quenda de intervención, na que fixo alusión a "dous informes" relativos aos "problemas que poidan aparecer neste caso". De feito, José Manuel Balseiro comezou o seu discurso admitindo que hai "aspectos que son manifestamente mellorables" e recoñecendo que "é certo que a regulación é insatisfactoria".

ACORDOS "FLORAIS"

   Neste sentido, o responsable de asuntos pesqueiros do grupo do BNG subliñou que a intención da súa formación é que se avance" con medidas "concretas", posto que non valen "acordos florais" e máis "agora" que hai unhas eleccións, ao Parlamento Europeo o 25 de maio, pero tamén outras en 2015 e en 2016.

   Para iso existen "mecanismos", como constatou Rodas en alusión aos diferentes sistemas implantados por outros países que permiten o sufraxio telemático, por exemplo.

PSdeG E AGE

   Pola súa banda, o socialista Francisco Caamaño proclamou que "o dereito a decidir" na Democracia española "chámase votar" e, aínda que expuxo algúns "problemas" que podería supoñer, por exemplo, o voto en urna a bordo dunha embarcación, fixo fincapé en que "o que se ten hoxe en España é moi mellorable".

   Por parte de Alternativa, Juan Manuel Fajardo incidiu igualmente "na carencia democrática importante" que supón que non existan garantías plenas do dereito a votar para os mariñeiros embarcados e esixiu medidas pero "con garantías de seguridade" que eviten "a fraude".