O PPdeG rexeita a primeira proposta do Grupo Mixto, que pedía dar apoio ás mulleres que decidan abortar

Actualizado: martes, 22 abril 2014 15:23

Os populares argumentan que a interrupción do embarazo xa está regulada por lei

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Abr. (EUROPA PRESS) -

Os votos do PPdeG valeron para rexeitar este martes a primeira iniciativa presentada polo Grupo Mixto unha proposición de lei que pedía modificar a norma galega para apoiar as mulleres xestantes co fin de "ampliar a protección" ás que deciden interromper voluntariamente o seu embarazo, que "atopan montóns de trabas".

O resto de grupos da oposición votaron a favor da proposta, que foi defendida pola única integrante do Grupo Mixto, Carmen Iglesias, ante o pleno da Cámara. Na súa intervención, a deputada sinalou que non pretende "eliminar" a lei actual --que foi a primeira aprobada na pasada lexislatura e derivou dunha iniciativa lexislativa popular promovida pola fundación provida RedMadre--, senón cambiala para dar "igualdade de trato a todas as mulleres embarazadas".

Neste sentido, considerou que na norma "solo se contempla as mulleres que deciden levar a termo o embarazo" e pediu que as que deciden abortar "non queden excluídas do apoio e información necesarios".

Neste sentido, destacou que "unha das trabas" é a obxección de conciencia do persoal sanitario, que está "nun limbo que se presta ao uso abusivo". Prímase, criticou, "o dereito á obxección do profesional sobre o dereito das mulleres". "Nós non obrigamos a ninguén a abortar, ninguén aborta por gusto, é moi traumático", sostivo e avogou por que "a angustia" que padecen as mulleres nesa situación estea "incluída nesta lei".

A voceiro do PPdeG no debate, Rosa Oubiña, xustificou o rexeitamento á iniciativa porque "xa existe outra lei que regula a interrupción voluntaria do embarazo" e preguntou "cál é o motivo do ataque a unha lei que só persegue defender os dereitos das mulleres" e busca que "a maternidade non constitúa unha situación gravosa". "¿Que perigo ven nesta lei? ¿Por que queren coartar os dereitos das mulleres que desexen optar libremente á maternidade? Non impoñan condutas", reclamou.

A "falta de apoio", incidiu Oubiña, fai que "moitas mulleres se vexan condicionadas" a interromper o seu embarazo aínda en contra da súa vontade". Ademais, apuntou que a rede creada atendeu o ano pasado a máis de 2.000 mulleres e que no contexto económico actual "sería máis lóxico que se ampliase a cobertura".

A LEI "MÁIS RETRÓGRADA"

Pola súa banda, a voceiro do PSdeG no debate, Carmen Acuña, considerou que a lei que se pedía modificar é "a máis retrógrada" das aprobadas polo Parlamento galego e "non buscaba apoiar a maternidade, senón impoñela". Por iso, mostrouse a favor de modificar unha norma que "solo serve para xustificar e manter a RedMadre e outras asociacións provida".

Ademais, criticou que pretende implantar o "modelo Sor María" e que as mulleres pobres teñan fillos para "darllos ás ricas". Tamén apostou por regular a obxección de conciencia e, ao igual que a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Eva Solla, manifestou a súa sorpresa pola redacción da iniciativa do Grupo Mixto, que non contiña unha proposta de texto articulado.

Solla dixo que "non hai igualdade no acceso ás interrupcións voluntarias do embarazo" na sanidade pública en Galicia" e destacou que hai pacientes que son derivados a outras provincias. Así mesmo, advertiu de que "a obxección de conciencia limita en moitos casos exercer o dereito con garantías".

A representante de AGE referiuse a que a maior parte da exposición de motivos da iniciativa está extraida dunha proposta dun foro feminista, ao que Carmen Iglesias replicou que esa asociación foi fundada por ela mesma e, ao entrar na Cámara, as súas compañeiras lle pediron que a presentase no Parlamento.

"NON HOUBO AMPLIACIÓN DOS DEREITOS"

Por último, a deputada do BNG Carme Adán recordou o rexeitamento deste grupo á aprobación no seu momento da lei de apoio á muller embarazada, un texto que supón "un forte retroceso os dereitos das mulleres". "A finalidade é crear unha rede para poñela en mans de entidade privadas como a RedMadre", acusou e concluíu que "anos despois" ese modelo está establecido "e non houbo ampliación dos dereitos das mulleres".

Así, deu o seu respaldo á iniciativa do Grupo Mixto por compartir "o espírito", aínda que manifestou que non cre que "o marco máis axeitado" sexa a modificación desta lei, coa que "o mellor que pode acontecer é que sexa derrogada".