O PPdeG ve na manifestación contra a política forestal da Xunta unha protesta "nacionalista" e non "ecoloxista"

Actualizado: domingo, 22 octubre 2017 20:05

"Son os mesmos que cando aínda estaba activa a vaga de incendios estaban xa imprimindo pancartas, serigrafiando camisetas", declara Tellado

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Oct. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, definiu como "unha manifestación nacionalista" a marcha celebrada este domingo polas rúas de Santiago contra a política forestal da Xunta tras a vaga de incendios que arrasou Galicia o pasado fin de semana e que se cobrou a vida de catro persoas e calcinou 35.500 hectáreas.

"A de hoxe non se trataba dunha manifestación ecoloxista, senón dunha manifestación nacionalista. Vémolo polas bandeiras e polos organizadores. Son os mesmos que cando aínda estaba activa a vaga de incendios estaban xa imprimindo pancartas, serigrafiando camisetas, porque o que pretendían era unha utilización política e partidista do que pasou", declarou este domingo Tellado en Ribeira (A Coruña).

Convocados pola 'Plataforma contra a Lei de Depredación de Galicia', na mañá deste domingo 10.000 persoas marcharon pola capital galega para esixir responsabilidades á Xunta pola súa xestión da vaga de incendios e para reclamar cambios na política forestal.

"É lamentable que os partidos da oposición se vexan envolvidos nesta estratexia do nacionalismo galego de utilizar os lumes que pasan en Galicia cun carácter partidista e electoralista", indicou o popular en referencia á protesta.

Para Tellado, "mentres a oposición buscaba sacar tallada política" da vaga de incendios "había un goberno que desde o minuto uno estivo alerta, ao pé do canón, atendendo aos veciños e resolvendo unha situación francamente difícil".

Deste xeito, cre que "houbo ocasión de que cada un se retratase" ao longo desta semana, para logo defender que "o goberno estivo onde tiña que estar, co seu presidente á fronte dando contas no Parlamento de Galicia cando aínda estaban activos os incendios".

"O que vemos é que hai unha oposición que está disposta a usar absolutamente todo con tal de desgastar ao goberno", apostilou Miguel Tellado.

ENDURECEMENTO DE PENAS PARA INCENDIARIOS

Tras asegurar que o PP traballa desde a Xunta e o seu grupo parlamentario para "que os montes galegos se manteñan nas mellores condicións posibles", o secretario xeral dos populares incidiu na necesidade de endurecer as penas para os incendiarios.

"O primeiro é centrar o foco no causante dos incendios, que é o terrorista incendiario que pretende facer dano, que lle importa moi pouco a vida das persoas", incidiu, para, a continuación, facer un chamamento á cidadanía para que denuncie aos causantes dos lumes. "En moitos pobos todo o mundo sabe quen son", remarcou.

A continuación, aseverou que "cando o monte está ben xestionado hai menos posibilidades de incendios". "O que temos que conseguir desde a lei é ordenar o monte, polo a producir, porque cando é produtivo ten menos posibilidades de ser queimado", concluíu.