Presentan un recurso ao TSXG para suspender o arranque do novo hospital de Vigo pola falta de laboratorio central

Actualizado: lunes, 6 julio 2015 15:43

VIGO, 6 Jul. (EUROPA PRESS) -

Profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) interpuxeron un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para pedir a suspensión da entrada en funcionamento dos servizos do novo hospital de Vigo, o Hospital Álvaro Cunqueiro, que utilizan o laboratorio central.

Tal e como sinalan nun comunicado, máis de 100 profesionais da área sanitaria de Vigo secundan este procedemento, ante a situación "completamente excepcional" do novo hospital vigués, que sendo "un dos máis modernos e sofisticados de Europa", entrará en funcionamento "sen dispoñer dunha unidade central de laboratorio", que será instalada no Hospital do Meixoeiro.

Este recurso aválase nun informe técnico-xurídico do Bufete López Rodó&Cruz Ferrer, no que trasladan á opinión pública "tanto as razóns técnicas como xurídicas" contra a falta dun laboratorio central no novo hospital. "A administración é libre de organizar os seus servizos cando non afecta a ninguén, agora se o Álvaro Cunqueiro non ten laboratorio, ese tipo de decisións hai que motivalas cientificamente", inciden.

Este documento baséase, á súa vez, en informes dos distintos servizos de Microbioloxía, Análises Clínicas e Hematoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), nun estudio realizado por facultativos especialistas, e unha comunicación da Comisión de Infeccións, Profilaxe e Política Antimicrobiana da área sanitaria, entre outra documentación.

O avogado do Bufete López Rodó&Cruz Ferrer Juan de la Cruz, trasladou a Europa Press que se iniciou este "proceso de protección de dereitos fundamentais" porque os profesionais entenden que coa ausencia do laboratorio central no Álvaro Cunqueiro "se vulnera dereito á integridade física e a igualdade" das persoas.

O letrado estimou que haberá resposta ao recurso nun prazo máximo de entre dous e tres semanas.

SEGURIDADE "en RISCO"

Segundo transmitiu o letrado a Europa Press, o informe pon de manifesto que ao non haber unha unidade de laboratorio central e contar só un laboratorio mínimo", se pon "en risco a seguridade dos pacientes" nun hospital do nivel de especialización como o Álvaro Cunqueiro, que atenderá "todas as urxencias da área sanitaria de Vigo" --unhas 600.000 persoas-- e "tres unidades de coidados intensivos".

Nesta liña, indicou que en "moitos casos" é necesario ter as probas "coa maior rapidez posible", unha cuestión de "motivos médicos" que "afecta ao dereito á integridade física e a vida das persoas".

A iso súmase, sinalou, que "en moitos casos fai falta que os especialistas clínicos poidan falar e intercambiar impresións cos profesionais do laboratorio" e que transportar as mostras supón "riscos absurdos". Ademais, engadiu que situalo no Meixoeiro "tampouco resolve nada economicamente".