O PSdeG pide reducir a dous meses o trámite da Risga e unha partida ampliable para bolsas nas contas da Xunta

El diputado del PSdeG Juan Carlos González Santín
EUROPA PRESSG
Actualizado: jueves, 20 noviembre 2014 17:21

Quere que os altos cargos tamén fagan pública a súa declaración de bens e que o Parlamento reciba os contratos de máis de 3.000 euros

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Nov. (EUROPA PRESS) -

O PSdeG pide reducir a dous meses o trámite da Renda de Inserción Social de Galicia (Risga) e que as bolsas para estudantes se concedan baseándose en créditos ampliables, segundo consta nas emendas presentadas polos socialistas aos presupostos da Xunta para 2015.

En rolda de prensa, o voceiro de economía do grupo parlamentario socialista, Juan Carlos González Santín, expuxo tamén outras propostas destinadas a incrementar "o control sobre o diñeiro público" e para aumentar a transparencia en aras de evitar novos casos de corrupción.

Nestes dous últimos apartados inscríbense a reclamación de que os altos cargos fagan pública a súa declaración de bens e dereitos patrimoniais no Diario Oficial de Galicia (DOG) e a de que se remitan á Cámara autonómica os contratos de máis de 3.000 euros.

En concreto, sobre a Risga, que actualmente perciben case 9.000 persoas na comunidade, o PSOE solicita que a Administración autonómica se comprometa "a resolver as solicitudes no prazo máximo de dous meses". "E, de non se cumprir este prazo, abonarase a maiores da prestación o interese que aparece no artigo 26.6 da Lei 5/2003 do 17 de decembro", postula a emenda.

En canto aos estudantes, avoga por engadir un novo artigo en relación aos "créditos destinados ao pagamento das bolsas a estudantes universitarios e en formación", posto que os socialistas consideran que deben establecerse "en función das necesidades educativas", e non das posibilidades presupostarias.

Tamén no apartado educativo, demandan "limitar o incremento" do número de unidades dos centros concertados; e xa pensando na xeneralidade de profesionais deste sector do da sanidade e doutros como a loita contra a fraude e contra os incendios, reclama elevar o 100% a taxa de reposición, dende o 50% actual.

Respecto aos altos cargos, o PSOE tamén aposta por que aqueles que sexan membros de consellos de administración de entidades que conforman o sector público autonómico non cobren "ningunha clase de retribución".

Emenda os presupostos, ademais, co obxectivo de favorecer que a información acerca do "número total" do persoal eventual teña "un acceso directo" na web da Xunta, xunto a identificación, funcións e remuneración económica.

Outra das principais modificacións que formulan é a de engadir un precepto para que a Xunta remita "mensualmente ao Parlamento de Galicia a relación de expedientes de contratación superiores a 3.000 euros formalizados por cada unha das seccións presupostarias e entidades instrumentais do sector público autonómico, con indicación expresa do obxecto do contrato, presuposto de licitación, procedemento e modalidade de adxudicación, licitadores presentados, importe de adxudicación e adxudicatario".

SUBVENCIÓNS, PROPAGANDA E CONTAS

Neste terreo, o PSdeG tamén pide controlar "tódalas subvencións" mediante a comprobación "in situ" da realización material da obra, segundo sinalou González Santín.

En materia de publicidade e propaganda, por outra parte, quere que a Consellería de Facenda deba emitir unha autorización previa "expresa" e que sexa remitida tamén ao Pazo do Hórreo.

O deputado insistiu, igualmente, noutra emenda coa que pretenden que o Goberno dote de 3 millóns de euros adicionais ao Consello de Contas, co propósito de posibilitar que desenvolva funcións de fiscalización de posibles casos de corrupción.

COLABORACIÓN PÚBLICO-PRIVADA

Entre outras emendas, o PSOE reclama que a recuperación da paga extra polos empregados públicos sexa efectiva "na súa totalidade no mes de xaneiro de 2015", que a Administración comunique á comisión de Economía "calquera alteración en relación ás concesións públicas" e que as fórmulas de colaboración público-privadas non se utilicen para financiar investimentos no ámbito dos servizos públicos básicos.

"En particular, estas fórmulas non poderán ser utilizadas para a construción, explotación, mantemento ou xestión de centros públicos sanitarios ou educativos", expón no seu texto.