O PSdeG ve a violencia de xénero "unha cuestión de Estado" e lamenta "unha lexislatura perdida" nesta loita

Actualizado: miércoles, 25 noviembre 2015 15:53

Propón crear un servizo de acompañamento para as mulleres que presenten denuncia e protocolos para aquelas que decidan retirala

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Nov. (EUROPA PRESS) -

O PSdeG proclamou este mércores, no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que a loita contra esta lacra debe ser "unha cuestión de Estado" e lamentou que a que agora remata foi "unha lexislatura perdida" neste sentido.

Nun acto en Santiago no que participou o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, xunto con membros das listas do PSOE ao Congreso e o Senado, o líder socialista expuxo que máis dun millar mulleres perderon a vida a mans dos seus compañeiros ou excompañeiros nos últimos 15 anos en España e que son 48 as asasinadas no que vai de 2015.

"É algo absolutamente inadmisible", resaltou, e apelou ao "compromiso de toda a cidadanía" para "erradicar de forma clara" a violencia machista. "É algo que nos debe unir a todos: mulleres e homes, novos e vellos", argumentou.

Dito isto, requiriu "compromisos presupostarios", á vista de que as partidas en favor da igualdade entre homes e mulleres "diminuíron nunha cantidade absolutamente inadmisible" tanto en España coma en Galicia dende a chegada do PP. "As grandes causas de Estado requiren presuposto e requiren o compromiso de todos os partidos", recalcou Besteiro.

NON SÓ NA EFEMÉRIDE

A continuación, a secretaria de Igualdade do PSdeG, Eva Martínez Montero, considerou que o de hoxe é un día para "berrar ben alto" que a loita contra a violencia machista non é unha cuestión da que se acordar nunha "efeméride", senón que ha de ser "prioritaria" para a sociedade e os poderes públicos.

Ao seu xuízo, para erradicar esta lacra fai falta "vontade política" e "crer na igualdade", e lamentou que o PP "parece" que non comparte esta visión. Como mostra, os recortes na partida destinada a loitar contra a violencia de xénero, unha materia que "non entende de crise".

"Nós estamos nas antípodas", remarcou, e a vicesecretaria xeral de Xuventudes Socialistas, Laura requeixo, defendeu a importancia de educar "en igualdade" dende idades temperás para acabar coa violencia machista. Ao fío diso, advertiu de que "o auxe das novas tecnoloxías" está a facer sufrir moitas mozas "unha submisión da que non son conscientes".

Finalmente, as cabeza de lista do PSOE ao Congreso por A Coruña e Ourense, Pilar Cancela e Rocío de Frutos, e os número 1 ao Senado por Pontevedra e Lugo, Abel Losada e Ricardo Varela, intercalaron as súas voces para dar lectura a un manifesto no que deixaron patente o seu "firme compromiso contra a violencia de xénero".

Nese texto, por exemplo, os socialistas piden aumentar os recursos públicos que se destinan a este fin e propoñen crear un servizo de acompañamento para as mulleres que presenten denuncia e protocolos para aquelas que decidan retirala.