O PSOE leva á Fiscalía supostas irregularidades en pagamentos a persoal do Concello de Cambados (Pontevedra)

Actualizado: martes, 2 septiembre 2014 19:20

As supostas irregularidades que denuncia o PSOE afectan á xestión municipal do actual alcalde e do seu antecesor, José Manuel Cores Tourís

PONTEVEDRA, 2 Sep. (EUROPA PRESS) -

Varios membros do PSOE do Concello de Cambados (Pontevedra) entregaron este martes na Fiscalía de Pontevedra documentación na que denuncian supostas irregularidades en pagamentos a persoal deste. As supostas irregularidades afectan á xestión do actual alcalde, o popular Luis Aragunde, e do seu antecesor e delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

A voceiro dos socialistas cambadeses, Fátima Abal, asina a denuncia presentada ante a Fiscalía de Delitos Económicos e que recaeu na fiscal Marta Durántez. Diríxea contra todas aquelas persoas que ao lago da investigación poidan resultar penalmente responsables polos feitos que se denuncian e contra o alcalde Aragunde.

A voceiro local do PSOE explicou que a denuncia cuestiona a xestión municipal en materia de retribucións (gratificacións e complementos de produtividade) a traballadores municipais e na contratación de traballadores temporais ou os servizos dun arqueólogo que se prolongarían no tempo nas etapas dos dous últimos alcaldes.

Fátima Abal chama a atención sobre os "continuos reparos" postos pola Intervención municipal, que "foron levantados sistematicamente pola Alcaldía".

"NON PARAN DE OCULTAR DATOS"

Abal decidiu dar este paso, toda vez que considera que é o momento "agora que ao PP lle enche a boca falando de transparencia" mentres en municipios como Cambados "non pairan de ocultar datos".

De feito, os socialistas presentaron no que vai de ano cinco queixas ante o Valedor do Pobo porque se lles negou a documentación á que terían dereito en función da súa acta de concelleiros. O seu obxectivo --explicou-- é que "os cidadáns saiban o que está a pasar no Concello".

Os socialistas denuncian que dende hai varios anos o alcalde de Cambados asina resolucións de Alcaldía relativas ás nóminas dos traballadores "nas que se inclúen importantes cantidades en concepto de gratificacións, horas extraordinarias e produtividade".

HORAS EXTRA

A xuízo dos socialistas, o número de horas extraordinarias é "absolutamente desmesurado" converténdose, para os funcionarios e laborais que as cobran "en verdadeiras pagas extraordinarias encubertas".

"Se temos en conta que as horas de traballo dos empregados públicos en cómputo mensual son 150, o feito de realizar ao ano máis de 200 supón a constatación do dito", apuntou, para engadir que no caso do secretario do gabinete da Alcaldía, "con máis de 300 horas extraordinarias, se fala do equivalente a máis de dúas pagas exraordinarias ao ano".

O mesmo razoamento aplicárono con respecto aos incentivos de produtividade con especial mención aos acordados para a Policía Local. "Estamos a falar dunha vulneración flagrante, sistemática e coñecida da lexislación aplicable, efectuada con total desprezo aos informes contrarios dos servizos de intervención do concello", recolle a denuncia presentada ante a Fiscalía.

CONTRATACIÓNS "ESCANDALOSAS"

Igualmente, cualificaron de "escandalosas" as contratacións temporais do Concello, "moitas delas realizadas verbalmente en fraude de lei". Como exemplo, aludiron ao caso do arqueólogo a prestación de servizos do cal se estende "nin máis nin menos que dende o ano 2003".

Os informes de intervención poñen reparos a estes pagamentos indicando que se trata de pagamentos irregulares en fraude de lei que vulneran a lexislación vixente en materia de función pública.