O PSOE de Vimianzo acusa a Pilar Cancela de "alentar" unha "manobra" de afiliación masiva para "cambiar" a súa dirección

Actualizado: sábado, 13 septiembre 2014 19:00

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Sep. (EUROPA PRESS) -

O PSOE de Vimianzo (A Coruña) acusou este sábado a secretaria de Organización do partido a nivel autonómico, Pilar Cancela, de "alentar" e "tutelado" unha "manobra" de afiliación masiva para intentar "cambiar as maiorías naturais" existentes nesa agrupación.

A través dun comunicado, a dirección dos socialistas vimianceses, próxima á executiva provincial que lidera o exministro de Xustiza Francisco Caamaño, censurou esta operación e advertiu de que xa trasladou unha queixa a Ferraz.

E é que, como subliñou, se produciron 30 novas altas na agrupación do PSOE de Vimianzo --"un terzo do total"-- sen o "coñecemento" da directiva local.

"Cancela aínda non tivo tempo de recibir á nova executiva, pero si o tivo para, ás nosas costas, dirixirse ao departamento federal de afiliación e censo para solicitar esas incorporacións á maior brevidade posible", criticou.

Así mesmo, reprobou que se estean a "fomentar altas masivas" para "torcer a vontade democrática dos militantes" do PSOE vimiancés. "Só queremos que nos deixen pechar as feridas do pasado, sen interferencias externas, e ofrecer aos cidadáns do noso concello unha candidatura municipal renovada", concluíu a executiva local.